Print This Page

BICs en Barbanza

A Consellería de Cultura prepara a declaración de BIC para 48 sitios megalíticos para garantir a súa protección e posta en valor

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pon en marcha o Plan de Protección dos Xacementos Megalíticos para dar o maior grao de protección ás principais mámoas, dolmens, cistas e menhires de Galicia

Entre os 48 xacementos figuran os 14 que formarán xunto con Dombate o Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte

Santiago, 9 de xullo de 2008.- A Consellería de Cultura e Deporte protexerá e porá en valor os principais xacementos megalíticos de Galicia. Ánxela Bugallo anunciou que o departamento que dirixe vai iniciar o proceso para declarar BIC (Ben de Interese Cultural) 48 xacementos espallados por toda Galicia. O proxecto inclúe as principais mámoas, dolmens e cistas, illadas ou formando necrópoles, así como menhires, para garantir a súa conservación e a súa divulgación de cara ao público.

A conselleira e o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, presentaron hoxe o Plan de Protección dos Xacementos Megalíticos. O proxecto pretende dar o máximo grao de protección legal aos monumentos megalíticos máis notables do país. A listaxe de 48 xacementos para os que se vai iniciar o procedemento previo para declaralos BIC inclúe pezas de gran interese cultural, simbólico e arqueolóxico, tanto polas características arquitectónicas do monumento como polos gravados inscritos e outros achados ligados ao xacemento. Ser declarado BIC suponlle ao monumento un recoñecemento cultural e social e, coa súa divulgación, tamén axuda a concienciar aos veciños e foráneos da necesidade de preservar estes xacementos arqueolóxicos.

Baroña

A tramitación máis adiantada, en canto aos castros da comarca barbanzana, é a de Baroña, pois en breves datas se incoará expediente. Agardan que no segundo semestre de 2009 tanto Neixón como Baroña sexan xa declarados Bens de Interese Cultural. O que máis pesa para ser declarado BIC é a monumentalidade do castro (a de Baroña é innegable, aínda que un non sexa experto), o nivel de conservación e a calidade do rexistro arqueolóxico.

Entre os pasos que se dan para catalogar un BIC está a delimitación dunha área de proteción específica que xa non deixe tocar nada no terreo, así como a creación de proxectos de conservación en períodos de tempo determinados. A última intervención en Baroña, con traballos de conservación incluídos, tivo lugar no ano 1996.

Neixón

Os xacementos incluídos neste plan atópanse moi distribuídos pola xeografía galega: 19 están na provincia da Coruña, 8 en Lugo, 8 en Ourense e 13 en Pontevedra. Por comarcas, destaca o número de cámaras nas zonas da Costa da Morte, a Barbanza, o Morrazo, Vigo, a Baixa Limia, o Deza e a Terra Chá. Todos estes xacementos uniranse aos catro que xa teñen a declaración de BIC: o Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños), o Dolmen de Axeitos (Ribeira), a Necrópole de Santa Mariña (O Incio, Sarria e Samos) e o Dolmen da Casa da Moura de Cabaleiros (Tordoia).

Pintada no Dolmen de Axeitos (Olveira, Ribeira)

Na Costa da Morte atópanse 14 das cámaras que se van declarar BIC. Integraranse xunto con Dombate dentro do futuro Parque Arqueolóxico da Cultura Megalítica. Na actualidade estase redactando un plan sectorial que permitirá a súa adquisición. Entre os monumentos que formarán parte deste parque atópanse algúns tan emblemáticos como a Pedra da Arca ou Casa dos Mouros de Vimianzo, a Arca da Piosa en Zas, a Mina da Parxubeira en Mazaricos e a Pedra da Arca en Malpica, así como dúas cistas: a Casota de Berdoias en Vimianzo e a Fornela dos Mouros en Laxe. O parque formará parte da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, xunto co da Cultura Castrexa en San Cibrao de Las, o da Arte Rupestre en Campo Lameiro, o da Cultura Galaico-romana en Lugo e o da Arqueoloxía Subacuática en Vigo.

Para os outros 34 xacementos megalíticos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vai iniciar nos próximos meses as prospeccións arqueolóxicas de cara á delimitación e aos estudos previos para a súa declaración como BIC. Estes traballos inclúen a prospección arqueolóxica intensiva do contorno dos xacementos, a situación por GPS dos monumentos e a súa área de protección, a delimitación gráfica e textual dos xacementos e a confección de fichas normativizadas de cada sitio. O orzamento total destes traballos de prospección e delimitación é de 81.780 €.

Entre os xacementos a declarar BIC atópanse algunhas mámoas e dolmens xa de moita sona e outros de igual interese arqueolóxico pero menos coñecidos. Entre as incluídas neste proxecto atópanse o Dolmen da Cova da Moura (Noia), as Mámoas de Roza das Modias (Vilalba), a Casola do Foxo (Muíños), a Mámoa dos Muíños (Agolada), Chan de Arquiña (Moaña), a Mámoa do Rei (Vilaboa) e a Casa dos Mouros (Vigo). Tamén se atopan dous menhires ou pedrafitas: a Lapa de Gargantáns en Moraña, e a Pedra Alta de Antela, no límite entre os concellos de Sarreaus, Xunqueira de Ambía e Vilar de Barrio.

Protección do patrimonio arqueolóxico

A Consellería apostou nos últimos anos por incrementar o número de xacementos arqueolóxicos que teñan a consideración de Ben de Interese Cultural, que é o maior grao de protección de bens patrimoniais. Con esta declaración Cultura garante a mellor conservación dos xacementos e aposta por poñelos en valor e a divulgalos ao público.

Na actualidade está en marcha o procedemento para declarar BIC unha vintena dos máis senlleiros castros galegos, que se sumarán aos dous xa declarados. Por outra banda, realizáronse xa os traballos de delimitación previos á declaración individualizada como BIC dos 45 principais conxuntos de petróglifos da provincia de Pontevedra, aos que seguirán no futuro os das outras tres provincias. Coa próxima inclusión nesta listaxe de 48 novos xacementos megalíticos darase outro importante salto na protección dos vestixios arqueolóxicos máis destacados de Galicia.

Listaxe completa dos xacementos megalíticos incluídos no Plan

Xacementos megalíticos que formarán parte do Parque Megalítico da Costa da Morte.
• Pedra da Arca ou Casa dos Mouros. Vimianzo.
• Pedra da Lebre ou Serramo. Vimianzo.
• Pedra Moura de Monte Carneo. Vimianzo.
• Pedra Cuberta. Vimianzo.
• Mina de Recesinde. Vimianzo.
• Arquiña de Vilaseco. Vimianzo.
• Casota de Berdoias. Vimianzo.
• Rabós (Necrópole de Chan do Cabral). Vimianzo.
• Arca da Piosa. Zas.
• Pedra Vixía. Zas.
• Fornela dos Mouros. Laxe.
• A Mina da Parxubeira. Mazaricos.
• Pedra da Arca. Malpica.
• Pedra Moura. Carballo.

Outros xacementos. Provincia da Coruña.

Dolmen da Cova da Moura (Dolmen de Argalo). Noia.
• Mámoa do Forno dos Mouros. Toques.
Necrópole da Serra do Barbanza e Casarota do Fusiño. Boiro.
Mámoas dos Campiños. Rianxo.
• Dolmen de Forno dos Mouros ou Pena Branca, na Serra da Faladoira. Mañón.

Provincia de Lugo

• Mámoa de Santo Tomé. O Valadouro.
• Mámoas da Roza das Modias. Vilalba.
• Anta de Abuíme. O Saviñao.
• Necrópole de Hospital. A Fonsagrada.
• Mámoa de Mollafariña. Xermade.
• Anta de Chao de Mazós. Begonte.
• Anta da Moruxosa ou Capela de Vieiro. Friol.
• Modorras de Monteirón e Aberta na Gándara de Narla. Friol.

Provincia de Ourense
• Mámoas de San Cibrao. Rairiz de Veiga e A Bola.
• Mámoa da Casa da Moura. Entrimo.
• Mámoa da Casiña da Moura. Muíños.
• Mámoa da Casola do Foxo. Muíños.
• Mámoas do Outeiro de Cavaladre en Maus de Salas. Muíños.
• A Mota Grande. Verea.
• Motas de Penedo da Canteira. Verea.
• A Pedra Alta de Antela. Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Sarreaus.

Provincia de Pontevedra
• Mámoas da Cruz (Alperiz). Lalín.
• Mámoa dos Muíños (Bidueiros, Ferreiroa). Agolada.
• Mámoas do Marco do Camballón (Oirós). Vila de Cruces.
• Chan de Arquiña. Moaña.
• Mámoas de Chan de Armada. Marín e Vilaboa.
• Mámoa de Pedra Longa (Mámoas de Chan de Castiñeiras). Marín.
• Mámoa do Rei (Mámoas de Chan de Castiñeiras). Vilaboa.
• Dolmen da Casa dos Mouros. Vigo.
• Mámoas de Candeán. Vigo.
• Dolmen de San Colmado (Anta do Meixoeiro). Mos.
• Necrópole de Monte Penide. Redondela.
• Lapa de Gargantáns. Moraña.
• Coto dos Mouros. Rodeiro.

Xacementos megalíticos xa declarados BIC:
• Dolmen de Dombate. Cabana de Bergantiños.
• Necrópole de Santa Mariña. O Incio, Sarria e Samos.
• Dolmen de Axeitos. Ribeira.
• Dolmen da Casa da Moura de Cabaleiros. Tordoia.


Páxina anterior: Arqueoloxía1
Páxina seguinte: Víctor Barbeito