Print This Page

Os Phelps do Barbanza

C.N. Ribeira: 14 anos dando paos á auga



Tiña só 15 anos cando se presentou nos Xogos Olímpicos do 2000 en Sidney. Era
o nadador masculino máis xoven que se presentaba a unhas olimpiadas. Non obtivo
ningunha medalla ese ano, pero logo se fixo un nome na natación. Cinco meses
logo de Sidney, mellorou a plusmarca mundial de 200 metros mariposa e logo
voltou mellorar ese rexistro nos Campionatos do Mundo de Xapón. En 2002 fixo
frangullas a plusmarca dos 400 metros estilos e as marcas nacionais de 100 mariposa
e 200 estilos. Falamos de Michael Phelps, quen está considerado o mellor nadador de
tódolos tempos, xunto con Mark Spitz. E falámoslles destes fóra de serie porque no
Barbanza están a entrenarse nadadores de elite e case pasan desapercibidos. Semella
que neste país só existen as estrelas do fútbol e agora Alonso e Nadal.
O Clube de Natación Riveira, que extende os seus servizos a outros concellos
do Barbanza, como Boiro, ten as súas instalacións principais no complexo deportivo
A Fieiteira, de Riveira. Alí está o viveiro de promesas da natación e de actuais
campeóns en diversas categorías a nivel galego, nacional e, esperamos que axiña,
internacional. A idea de fundar este Clube foi dun grupo de pais, segundo nos conta Juan Carlos
Brión, primeiro presidente e fundador desta entidade que segue a facer o labor de entrenador.
Os proxenitores atopábanse con que os rapaces collían certo nivel e xa
non tiñan máis saída: ían á piscina, nadaban pero non podían continuar, sobre todo
os que destacaban un pouquiño. De competir, nin falalo, había que irse a unha cidade
grande. Esta iniciativa remóntase ao 21 de outubro de 1993. Xa no ano 1995 se
comezaron a recoller froitos: dous representantes do clube, Irene e Jacob, acadaron
as mínimas para poder entrar nun Campionato Galego, que ese ano se facía en Vigo.
Portada Web CN Riveira

En 1996 sería xa o definitivo despegue do Clube: sete nadadores van ao Campionato
Infantil de Inverno, no que se colleitan un oro e tres bronces. Logo, rematan a temporada
como primeiros na liga galega de terceira división e Irene Bouzas e Álvaro Reiriz son
becados no Centro de Tecnificación e Alto Rendemento de Pontevedra.
Ampliación cara ó Barbanza Hai tres anos, aínda que antes houbera
unha pequena colaboración con Noia. Sobre o 96-97 había un clube de natación en
Noia que aos dous ou tres anos de fundarse morreu por unha serie de problemas. Pedíronlles
para entrenar e dixémoslle que si, pero claro, conta Brión, “a distancia máis
que nada fixo que iso non fose viable. É entendible: que un pai faga tódolos días
uns 80 kilómetros é un sacrificio moi grande. Hai tres anos, o clube de natación de
Padrón tamén pasaba un mal momento e entón propuxéronnos unirse, xa que tiñan
dificultades económicas e na directiva marchóuselles o entrenador, e entón tamén
me fixen cargo eu. Xuntámonos, cada un co seu nome, pero nas categorías pequenas
(benxamíns e alevíns) pasaron a ser do Clube de Natación Padrón e o resto nosas,
do C. N. Riveira. Así fixemos unhas categorías máis fortes. Ademais, empezamos
cunha escola de natación en Boiro, montada por nós, e grazas ao Concello de Boiro,
que nos deu tódalas facilidades do mundo para montar alí un grupo de nadadores.
Estamos sacando moi bos rapaces, e sobre todo nenas. Este ano imos intentar crear
o Clube de Natación Boiro, é o proxecto deste ano 2007, sobre todo porque o Concello
de Boiro leva tres anos involucrado neste proxecto e queremos promocionar
Boiro ao máximo posible con eses nadadores. Unha desas nenas, Judith Lago, xa
ten as mínimas para participar nas probas do Campionato de España Alevín. Estanos
dando moi bo resultado esa escola, hai moi boa canteira”.
En canto aos apoios públicos, os responsables do Clube de Natación barbanzano
din que non se queixan. Que houbo momentos moi bos, sobre todo por parte
da Deputación da Coruña, con Colomer á fronte. En canto a economía, chegaban a
fin de temporada sen problema. Cambiaron os gobernos, e a Deputación xa non os
apoia tanto. O Concello de Riveira sempre estivo aí, non houbo problemas con
eles en canto a número de rúas na piscina. O apoio foi loxístico sobre todo, e a
subvención anual foi medrando conforme colleitaban bos resultados. Logo dos de
fútbol, confesan que son os máis coidados a nivel deportivo. Aínda deste xeito, din
que os seus gastos son moitos, rondando os 60.000 euros anuais, pois os desprazamentos
a nivel nacional son considerables.

Ivan Brion
Iván Brión, unha das estrelas do equipo

Suxírenlle á Xunta de Galicia que se quere apostar polo deporte base, que está aquí:
traballan con rapaces e precisan xente. O sentido común di que os que traballan coa
base teñen que ser profesionais, non amateurs. Logo de tantos anos traballando, tamén
a nivel patrocinio se van conseguindo cousas: por fin esta temporada serán patrocinados
por unha empresa de Riveira, a de Conservas Selectas Mar de Couso, que se
vai involucrar con eles durante cinco anos cunha cuantía importante e con material.
A directiva do Clube louva a visión destes empresarios, pois os seus nadadores levarán
publicidade por tódolos seus desprazamentos a nivel autonómico e nacional, que
non son poucos. En canto aos rapaces, a directiva do Clube di que hai moi boa canteira, pero
costa moito traballo captar xente. A natación é complicada: hai que entrenar tódolos
días, non é como un equipo de fútbol que o fai dúas veces á semana, (“e así obteñen
os resultados que obteñen evidentemente”, matizan) pero anotarse a un clube destas
características supón esforzo do neno e dos pais ou do entorno familiar. Juan Carlos
Brión afirma que “se pode convencer a dez, vinte pais, pero convencer a unha
masa social é máis complexo”. Os que máis costa atraer son os máis noviños, con
sete anos é moi complicado que nos veñan ao clube.
Entre os éxitos acadados nos últimos tempos subliñan un campión de España,
tanto en categoría infantil como en junior. Desde 1997 están metendo tódolos anos
en tódalas categorías a xente para participar nos Campionatos de España. As medallas
destes certámenes son bastantes: Álvaro ten tres medallas, Uxía unha de bronce,
Aida García outra, Iván dúas de bronce, Alves ten tres de bronce e unha de prata,
Ángel Vilas unha de bronce, outra de prata en Valladolid e outra prata en Barcelona.
Rufino é o máis laureado nos Campionatos de España: ten xa sete medallas de ouro
e de prata outras tantas, e de bronce dúas ou tres. Este ano está intentando facer a
mínima para o Campionato de Europa, aínda que o vai ter complicado ao ser iunior
de primeiro ano. A única rapaza que segue en activo logo destes dez anos do
clube é Uxía Muñiz, que ostenta dous récords galegos, entre eles o de 50 libres. É
habitual coa selección galega desde 1999, é a alma máter deste clube, tira moito dos
rapaces.

Rapaces na auga

Juan Carlos Brión lanza varios anzós para os pais que aínda non deron o paso
pero que lles gustaría que algún dos seus fillos fose émulo de Phelps ou, a nivel local,
de Rufino ou Uxía: “o primeiro beneficio da natación é a súa parte deportiva,
é case tan importante como os estudios. Ademais, cos problemas que temos hoxendía
na rúa cos rapaces e todos sabemos, o pai que ten un fillo practicando natación
sabe que fai un deporte que lle esixe coidarse ao máximo, non se pode despistar
facendo outras cousas que non sexan coidarse, descansar e entrenar. A disciplina e a
responsabilidade, así como a madurez que conleva este deporte son outros aspectos
a ter en conta. Cada un ten os seus obxectivos, iso márcanos os rapaces e seus pais.
Segundo o obxectivo, hai que ser máis ou menos disciplinados. Este ano imos moi
ben, ata hai un grupo que ten un psicólogo, Luis Casais e é moi interesante, pois organízalles
moi ben o tempo. O de estudios, o de descanso e o de entrenamento. Nós
procuramos poñer tódolos medios necesarios para que se acaden boas metas”.
Practicar natación neste clube non é caro: a cota mensual son 25 euros. Con iso
cúbrese todo, viaxes e todo o demais. O clube busca a financiación suficiente para
tódalas actividades que se fan a maiores. Só hai que anotarse na piscina da Fieiteira,
se un é de Riveira, ou acudir ao Concello de Boiro, se se reside por alí.
A directiva do Clube Natación de Riveira, que cambia cada pouco e xa tivo entre
os seus presidentes a Juan Carlos, Juan Lustres, Mari Eli, Encarna ou Manola,
opina que o futuro da natación en Galicia debería pasar por un cambio. “O enfoque
actual non pensa nada no deporte de competición. As últimas piscinas que se fan
non levan gradas, non teñen medidas reglamentarias, só se fan pensando no ocio e
no aspecto recreativo. Iso a nós preocúpanos bastante, así como o tema de que unha
vez que se fai unha instalación deportiva con cartos públicos, que non debemos
esquecer este detalle, están pasando coa xestión a mans privadas. Para min, para
a Federación, para os clubes, é moi grave. Que a unha empresa privada se lle pidan
rúas na piscina, horas e o que faga falta, non o ve ben, porque quere algo a cambio.
É chocante que haxa que pagarlle a empresas privadas por usar instalacións municipais
para actividades deportivas”, din. Non se achican á hora de comentar que
o modelo de Cataluña debería ser imitado, “como en tantas outras cousas. Temos
que aprender pero como é debido, non mirando para outro lado. Que vaian alí e que
se fixen como se fan alí as cousas, cómo se ama este deporte, que facilidades se lle
dan aos clubes, que vexan as piscinas de 50 metros que hai (aquí só hai tres, unha
en Cervo, outra en Ourense e outra en Pontevedra). Iso é grave en canto á política que
se sigue co deporte. Deporte si, pero que clase de deporte?. A quen apoiamos? Só
queremos fútbol? Fútbol, ciclismo e iso non é deporte base, teñen que telo en conta
na Xunta de Galicia”.

Medallas

Últimas fazañas

  
No último fin de semana de xuño AFieiteira voltou encherse de nadadores,
máis de douscentos, para disputar o Campionato Galego Infantil. É a segunda vez
que os riveirenses organizan esta competición, na que se contou con máis de vinte
clubes de toda Galicia. O membro do Clube coa axenda máis
cargada nestas últimas datas foi Iván Brión, que tivo que estar en Milán, en Londres e
en Francia, competindo. En Londres acadou o posto 16 entre 30 participantes, o
que non está nada mal para ser a primeira vez nese país e sendo un dos máis mozos.
E iso que se lle saíron as gafas.

(Reportaxe realizada en xuño de 2007)

Páxina anterior: Ximnasios
Páxina seguinte: Entrevistas