Print This Page

Motor

Vídeo do Autocross de Rianxo



Curiosos curioseados


O noso fotógrafo veu un rebumbio de xente e fixo estas fotos:






E fíxose estas preguntas:

Cal é a curiosidade? E qué é o curioso? O vehículo ou os peóns?

E nós máis: Alguén fixo foto do noso fotógrafo? Envíaa!! E houbo tanto alboroto cando chegou o piloto? Canto consume este Ferrari?

 

Enduro extremo na Curota


 

Autocross 'O Castro' de Taragoña


Coche de Froilán

Fixémoslle unha pequena entrevista a Froilán Pérez, un dos pilotos de Rallyactividad. Está case enteira na edición impresa, pero aquí pódela ler tal cal saíu da gravadora:

Froilán Pérez, piloto da escudería de Taragoña "Rallyactividad"

Canto tempo levas correndo?

En Autocross levo un ano só, agora vou empezalo segundo.

Cantos anos tes agora mesmo?

27, pero xa estiven en rallies, facendo algo. Tres anos.

Deixástelo?

Era moi costoso, supoñíame moito tempo...

Detalle do coche

Como o levas en autocross?

Pasámolo bastante ben, estamos aprendendo aínda. Practicamos autocross por pasalo tempo nunha cousa que nos gusta, non é por competitividade. É como un hobby, pasámolo día ben, non buscamos ganar nada...

Hai moita afección aquí en Taragoña e Rianxo?

Si, bastante. De feito, se non fora por iso, o de facer o circuito sería imposible. Iso da bastante traballo, saca moito tempo. É algo que gusta, se non... Para correr non pode calquera. Tes que estar no mundo dos coches, ou que ti saibas facelo, que andes no medio de talleres, ter contactos e tamén cartos.

Tedes axudas?

De ningún tipo. Buscamos colaboradores, empresas, bares, que van poñendo publicidades e nada máis, xunto co que da a carreira o día das entradas. O tema das subvencións non axuda case nada: pídelas e véñenche tres anos despois, e chéganche cantidades moi pequenas, estamos falando de 500 ou 600 euros, e sácanche moito tempo co asunto dos papeleos. A xente ten que darse conta de que para manter un circuito coma o noso fan falta excavadoras e máquinas destas grandes, que non veñen gratis a traballar e que costa bastante mantelo. Agora cederon outro anaco ao lado do circuito para facer máis aparcamento e telo todo mellor arranxado e imos así, pouquiño a pouco.

En que carreiras participastes?

Este ano fomos co coche da nosa escudería a tódalas probas de autocross do campionato galego que se fixeron en Galicia. Os resultados foron discretos:algunha carreira non se acabou, noutra non se pasou á final... O nivel é bastante alto e nós, se temos calquera incidente no coche, quedas tirado, pois estes automóbiles non teñen marcha atrás nin nada e entón, se paras acabastes a carreira. Temos que adaptarnos ao coche tamén. O que levo é bastante antigo, aínda que o modificamos e amañamos. Os galegos a nivel español somos os que mellor imos no campionato nacional, así que fíxate o nivel ao que nos enfrontamos nas carreiras...

Sodes os únicos do Barbanza que competides en autocross?

Aquí corro eu, outro chaval de Rianxo que ten un coche de máis de 1.600 e, en autocross, nada máis por aquí que nós saibamos.

Estes rapaces saben moverse, non só a catro rodas, ou dúas ou as que fagan falta, senón con ordenadores. E prepararon un dossier en Pdf que nos cederon e que llo ofrecemos -sen censuras, como sempre- para que o baixe ao seu ordenador. Conta con pelos e sinais o que foi a actividade do circuito de Taragoña nos últimos tempos. Prema na imaxe:


Autocross Taragoña

 

Escudería Berberecho de Noia

Cartel do Rally ao Iroite

Trinta e dous anos e aínda subindo


O presidente da Escudería Berberecho na actualidade é Mario Pazos. Nós falamos con Paco Barreiro, un dos fundadores desta entidade que é famosa, aparte de por moitas outras cousas que realiza no mundo do motor, por organizar a Subida ao Iroite.

Es presidente agora?

Non, non, eu fun. Cando me chamaron para formar parte da directiva da Federación de Automobilismo, unha das condicións era deixa-la directiva da escudería. Deixeino desde aquela. Son socio, pero iso non quita para que traballe igual para ela. A escudería naceu en 1974. Ese ano íase facer a Subida ao Iroite. Pero non tiñamos infraestructura, e moito menos experiencia, só de ir ver a subida ao Barreiro. A escudería naceu na cabeza de Quico Fontán, el meteunos no lío a Alejandro o da ferretería Tucho e a min, pero non tanto para buscar axuda como para que lle dixeramos que si. E dixémoslle que si. Buscamos os cartos, el falara cos da Escudería Compostela daquela época para que nos axudaran. Chegou o día da Subida e non apareceron. Houbo que devolve-los cartos. O primeiro ano foi fallido.

Segundo cartel

De cara ao ano seguinte decidimos facelo ben. Estatutos, papeleo, e todo iso. Pero seguíamos sen ter experiencia, así que pedimos axuda a algunhas persoas da Compostela, non á Escudería por si mesma, e a outra xente do automobilismo. E montouse a Primeira Subida ao Iroite. E foi un gran éxito de participación e de xente. Fíxose ata subida ata o ano 1982, pero nese ano poñíase en marcha a EVA 10 (EStación de Vixiancia Aérea) e entón non podía ser. Era a única estrada que tiñan e non podiamos cortarlla, eran 200 ou 300 soldados e non se lles podía cortar o acceso. Aparte da subida fixemos gimkanas nun montón de sitios.

Había moita afección en Noia ao automobilismo?

Si, coa subida apareceu moito afeccionado. Non sabemos se xa o había latente ou se ao crear a escudería e facer as subidas creouse. Non só en Noia. Na Escudería Berberecho entendemos que naceu aquí, en Noia, pero non é algo privativo daquí. É algo da comarca pero en sentido amplio, non das comarcas deseñadas pola Xunta ou polos políticos. Para nós é Serra de Outes, Boiro, Rianxo, Muros, case ata chegar a Santiago.

O terceiro cartel

Para nós a Escudería pertence a toda a zona. O ano pasado aínda lle fomos facer o autocross de Taragoña aos que o fan agora pero antes cando o calendaba e buscaba os cartos era Evaristo, o rally facíamollo nós. A Senra fixémoslle o rally Milvistas; fomos a Silleda a montar outro. Fomos axudarlles a facer a subida a Pontevedra; ós de Coruña a facer o rally da Coruña.

Sodes das Escuderías máis vellas de Galicia?

A das Rías Baixas ou a do Carballiño son máis vellas, pero estaremos entre as dez máis veteranas.

Cuarto cartel

Como vedes o relevo xeneracional?

Complicado. A xuventude cambiou moito. Á xuventude gústalle ver, pero traballar cóstalle máis. E traballar gratis aínda máis. Loxicamente isto ten que gustarche moito, ser case vocacional. Perdes moito tempo, tes que poñer cartos do peto. Non digo poñer un millón de pesetas, aínda que na nosa historia houbo un momento en que a Escudería Berberecho debía tres millóns de pesetas e houbo que saldalos, e algúns puxemos os cartos e non houbo máis remedio. Cando fixemos as festas de Noia do 1982 perdemos 1 millón e puxémolas do peto. Pideuse un crédito e fómolo amortizando. É algo que non fai rico a ninguén, tes que ter moita capacidade de sacrificio. Mentres outros están a toma-las cervexas ou vendo fútbol, ti non. Estás coas reunións, ou vas a Lalín a axudarlle aos dalí a facer uns tramos. Ten que gustarche.

Quinto cartel

Axudas oficiais, con que cartos contades?

Oficiais están as da Xunta, a Deputación, o Concello de Noia, o Concello de Lousame e o Concello de Porto do Son. Eses son os cartos oficiais, pero as cantidades oscilan un montón.

Os vaivéns políticos inflúen moito niso das subvencións?
 
A nós non nos gusta usar o dos contactos. Temos unha norma non escrita que di que se algún membro da Escudería se mete en política, deixa de pertencer a ela mentres estea na actividade política. Non queremos misturas. Non hai amistades nese sentido: trátase de poñer por diante o que facemos e que o queiran valorar.

E como o están valorando agora?

En Noia ben. Pero nestas tres décadas pasámolas moi putas. En Lousame, coa súa capacidade, podo decir que é o único colaborador institucional que, desde a democracia, foi colaboradoror institucional ininterrumpidamente. A súa colaboración é xusta para a súa capacidade.

Na Xunta: agora moi mal. Ao subdirector xeral, Moncho, co que me levo ben, llo dixen na cara: "co PP vivíamos mellor". E el respostou: non me digas iso. Repetinllo cinco veces. Ata que entrou esta Xunta do bipartito había un convenio entre a Dirección Xeral para o Deporte e a Federación. Había uns cartos para repartir entre os clubes. Cuns criterios de reparto, o máis obxectivos posibles, en función do coeficiente e a modalidade había unha asignación. Estaba ben baremado: nada é perfecto, pero era o mellor que había. Agora non hai nada diso, estamos a ver que pasa, agora é clientelismo total. Por exemplo, o slalom e as modalidades pequenas, nin un euro. Nós antes sabíamos a primeiros de ano cal ía ser o orzamento para nós da Xunta e da Deputación, pois era un convenio a tres bandas: tanto daba Xunta, tanto Deputación, asinado coa Federación. Na Dirección Xeral crearase unha fundación para buscar carto privado para apoiar a deportistas de elite e agora os clubes temos que pedir as subvencións á Fundación Deporte Galego.

Que tipo de xente e cantos estades na Escudería?

De xeito permanente, uns doce. O máis antigo son eu, dos fundadores só quedo eu. Hai de todo: estudiantes, traballadores por conta propia, autónomos, empregados a maioría, o cal é un hándicap tremendo. Os horarios laborais mátannos. Na miña oficina, cando é a subida, traballamos case só para iso. Só nos une a paixón polo automobilismo.

Satisfaccións?

Todas. Temos moitos cabreos, moitos sinsabores, decepcións, amarguras, pero facemos algo que nos gusta. É algo aparte da túa rutina diaria, e iso é algo importante. Ademais, facendo algo que nos gusta, entendemos que o que facemos é un portal para a comarca de cara ao exterior. Un dos obxectivos é facer que sone esta comarca noutros lados. A min decíame un piloto de Ferrol, que xa faleceu, Constantino Cao, un día en Narón, no rally: "Mira, Paco, a xente non o entende, pero a min endexamais se me ocurriría ir a Noia, Ribeira ou Muros se non fose pola Subida ao Iroite". Eu encollín os ombreiros. "Non, non fagas así. Eu fun á Subida ao Iroite un ano. Pero ao ano seguinte empecei a ir a Porto do Son, a Ribeira, a Noia, e iso é precioso. E nunca se me ocorrería ir por esa zona". Cremos que tamén somos un motor turístico. Se as revistas do motor din que no rally hai entre 25.000 e 30.000 persoas vendo a carreira, evidentemente non son todos daquí. Desa xente algunha vai volver. É un motor turístico, pero tamén motor económico. Se lle calculas a cada persoa un gasto.. canto non se xunta. Por exemplo, o novo Eroski que montaron aquí. O primeiro ano que nos axudaron, con bebidas, alucinaban, pois a mediodía se quedaron sen mercancía. E no Gadis xa están acostumados a que lles pase iso. Entón é un motor económico, pero hai quen segue sen recoñecelo. Aquí en Noia non hai firmas grandes (non está Escurís, ou Frinsa... ) pero nós pasamos de 140 anunciantes, coa traballeira que da iso. Estamos nun orzamento duns 70.000 euros anuais para facer todo. Semellamos pordioseros no punto de vista económico. Os que menos presuposto temos e os que máis anunciantes temos. Todos nos din: é imposible que fagades o rally con eses cartos. O traballo persoal non se cobra, os bocatas facémolos na casa coas nosas mulleres, e a gasolina non a cobramos. Iso tamén nos saca un certo caché á hora de saír ao exterior. Pero non temos tempo para eses cachés, nin para ese glamour.

Vídeo para o debate

A lei do funil (do embudo, mellor coñecida así) é cada vez máis normal entre os cargos políticos deste país. Lexislan para nós, o pobo, pero eles fan o que lles peta: entre eles non se pisan a mangueira, a non ser que sexan eleccións. Logo de ver este vídeo lea os comentarios dos que xa asinaron en You Tube. Están incluso mellor que o filme. Unha "divertida" proposta para a fin de semana.

 


Esta sección está adicada aos afeccionados aos deportes de motor. En CERTO procuramos satisfacer tódolos gustos, pero imos pouquiño a pouco. Xa sacamos rallies, trial de motos e agora tunning. Queres que toquemos algún deporte en especial? Escríbenos: redaccion@certo.es

 

Jorge Suárez, campión de Trial galego sénior


Máis información na páxina web da Federación Galega de Motociclismo. Tamén podes ler a sección de Trial.

 

 

Clasificación da Novena Subida ao Iroite de rally

Se nos pasaron ben os datos, foi así:Benigno Varela García, do Outeda Racing, ganou esta novena edición. Fixo o percorrido en 2 minutos e 7 segundos. Diego Fernández, da mesma escudería, quedou segundo, con tres segundos máis. O terceiro foi Antonio Mosteiro, do Outeda Racing, con 2 minutos 13 segundos. Todo o podio para o Outeda Racing. A carreira valeu para o Campionato Galego de Montaña, e os sete pilotos da Escudería Berberecho de Noia acadaron bos resultados. Fran Oviedo Bouzas, posto 21. José Manuel Mayo Figueira, 25. Rubén Gómez Romero, 26, José Suárez Pérez, 30, Antonio Valiñas Quintáns, 33, Sergio Romero Ons, 35; Manuel Mayo Villar, 42. Houbo 48 pilotos, deixaron a proba cinco.

 

Vídeos da Subida ao Iroite

 

En YouTube atopamos estas filmacións:


Vídeo feito con imaxes estáticas, pero interesantísimo:


"Jalisia é moito" (feito cun móbil)

Páxina anterior: Ciencia
Páxina seguinte: X Subida ao Iroite