Historia
Noticias frescas de Gaciño Barral, xornalista con raigame no Son
A mediados de febreiro publicamos esta nova, nesta sección, porque é parte da nosa Historia Contemporánea, esa que nin sequera se aprende nas aulas das facultades aínda:
"Vía Manuel Rivas, polo seu artigo de El País, enterámonos -nós damos mostras continuas da nosa ignorancia, non nolo teñan en conta- de que José Antonio Gaciño Barral é fillo dun mariñeiro de Porto do Son que emigrou a Andalucía. Gaciño naceu en Cádiz, conta Rivas. Esculcamos algo na Rede a atopamos datos relevantes:
O seu perfil en Dialnet sitúao analizando a transición en Galicia (rematou a transición? Trans-Ire: cara onde nos levaron ou nos levan?).
Pero o que máis nos interesou foi a lista feita o 23F (1981) para identificar aos elementos "conflictivos". Atopámolo no blog "Si home si". O que informan de Gaciño é: " Gaciño Barral, José Antonio.- periodista de El Ideal Gallego, izquierdista, antiguo enlace del Grapo, posee armas". Na Rede aínda hai vellas noticias de cando o detiveran en 1977.
E agora (agradézanllo, como o facemos nós, a Internet) temos este correo electrónico do protagonista, que nos deu a súa autorización a publicalo. Nin que decir ten que é un agasallo destes que non teñen prezo:
"Por esas casualidades que ás veces reporta a navegación por Internet, veño de recibir unha boa cura de humildade na vosa web, que me apresuro a engadir aos meus favoritos (ahí é nada: o contacto coas raíces). Pensaba que o meu paso por Galicia (desde abril do 1972 a febreiro do 1989) deixara referencias máis claras que o meu nome na lista demencial elaborada pola trama do 23-F para "depurar" Galicia, e que o historiador Carlos Fernández deu a coñecer hai uns anos. Efectivamente, eu fun detido en febreiro do 1977 como presunto colaborador do GRAPO, pero non estiven máis que as reglamentarias 72 horas na Xefatura Superior de Policía de A Coruña e non houbo máis trámite xudicial que a posta en liberdade sen cargos. A única relación que eu tiña con esa organización terrorista era que un dos seus líderes, o gaditano José María Sánchez Casas (xa falecido), estaba casado cunha hirmá da miña muller.
En Galicia traballei en "El Ideal Gallego" (1972-1982), "La Voz de Galicia" (82-87) e "Diario de Galicia" (un experimento frustrado, no que traballei case todo o ano 1988 en Vigo, como director, até que dimitín). Tamén intentara en 1981, con outros compañeiros como Manuel Rivas, sacar adiante a revista "Man Común", outro experimento frustrado, e colaborei desde Galicia en diversas publicacións españolas, como o semanario "Triunfo". Despois do fracaso de "Diario de Galicia", retireime a Andalucía, onde sigo traballando na televisión autonómica, Canal Sur. Pero non perdín o contacto con Galicia, e xa levo bastante anos colaborando en "A Nosa Terra" (xa o fixera antes, cando a súa recuperación nos anos da transición, cando o dirixiu Margarita Ledo) e, desde hai dous anos, aparece un artigo meu todos os luns no xornal "Galicia Hoxe", onde aparece a miña foto (como aparece tamén agora en "A Nosa Terra", desde que fixo a súa última renovación). Fotos miñas aparecen tamén na Gran Enciclopedia Gallega (polo menos na súa primeira edición, a de Silverio Cañadas, Arturo Reguera e Perfecto Conde), tanto na entrada do meu nome, Gaciño, como na entrada correspondente ao Día da Patria Galega. Eu tiven a honra de falar no acto que organizaron varias forzas políticas o Día da Patria do 1977. Compartín tribuna con xente tan importante como Celso Emilio Ferreiro e Xosé Fortes. É unha das cousas das que me sinto máis orgulloso de cantas puiden facer para contribuir á pacífica convivencia dos galegos.
Perdoade o rollo, pero non podía deixar aos paisanos dos meus pais (paisanos meus tamén) coa sensación de que compartiran orixe cun personaxe tan extraño e contradictorio como o que aparecía na vosa referencia.
Unha aperta sincera, e adiante co Xornal Certo."
Esperamos ter información cumprida e imaxes deste sonense agora afincado en Andalucía en vindeiras edicións, impresas e dixitais.Noia 1168: 840 anos de historia
O 9 de abril de 1168 a Vila de Noia pasa a ocupar o seu actual asentamento, segundo o Foro Real concedido en devandita data á antiga “Noela” polo rei Don Fernando II de León, outorgándolle tamén a Don Pedro Ozores, Arcebispo de Santiago, a facultade de construír na ribeira do Tambre, en Santa Cristina de Noia, un porto para o apóstolo. A concesión da Carta Pobra ven sendo o recoñecemento rexio a unha realidade que ven de lonxe e supón o punto de partida para o despegue da vila ate ser unha das máis importantes poboacións do medievo.
Hoxe, 9 de abril de 2008, data na que se cumpren 840 anos da Carta Pobra, o grupo de goberno do Concello de Noia, representado polo Concelleiro de Educación, Lino García, e o Concelleiro de Actividades Lúdicas e Normalización Lingüística, Josema Glez. Canabal, presentan o proxecto Noia 1168: 840 anos de historia para celebrar tan importante data.
Este proxecto, que terá un ano de duración, pretende a recuperación da memoria histórica da Vila de Noia. O proxecto baséase na importancia de dar a coñecer a historia dunha das máis antigas poboacións de Galicia a tódolos galegos e aos veciños de Noia. Pretendemos acender a conciencia temporal de tódolos noieses dándolles a coñecer a nosa historia co obxectivo de que comprendan mellor a nosa idiosincrasia, a nosa cultura, as nosas tradicións, bebendo desa fonte continuamente conectada co presente para afrontar os retos do noso futuro.

Porén, os departamentos de Educación, Actividades Lúdicas e Normalización Lingüística do Concello de Noia programarán conxuntamente unha serie de actividades ao longo de todo o ano para achegar aos noieses, especialmente á xente nova, a rica historia da súa vila. Con tal fin desenvolveranse conferencias, charlas, obradoiros, reedicións e traducións de libros, exposicións, viaxes, etc., baixo o lema: Noia 1168.
As primeiras actividades que se engloban dentro deste programa son as seguintes:
1º - Tradución ao Galego e reedición do libro Efemérides Noiesas escrito por José Agrelo e Manuel Hermida. Recompilación de efemérides da vila dun gran valor documental ate o ano 1971. Neste libro, que non é doado de atopar na actualidade, atópanse datos significativos, curiosidades e acontecementos da vila e os habitantes de Noia ao longo do tempo. Dende a concesión da Carta Pobra ate as corporacións municipais de principios dos anos 70.
Efemérides Noiesas é un libro que polo seu formato achega a historia dun xeito moi ameno, porén será maioritariamente destinado aos centros educativos e á biblioteca municipal, achegándoo deste xeito a mocidade. Pero este non é o único motivo da reedición. O grupo de goberno do Concello de Noia quere que o libro sirva tamén como homenaxe á memoria e ao traballo de toda unha vida en prol da cultura por parte de Pepe Agrelo e Manolo Hermida, e, por suposto, agradece ás familias dos autores o seu altruísmo e a súa desinteresada colaboración neste proxecto.
A tradución e a reedición do libro correrá a cargo da editorial Toxosoutos.
2º - Viaxe a Sevilla do 1 ao 4 de Maio e recepción na casa consistorial hispalense.
A relación entre Noia e Sevilla, aínda que é xeralmente descoñecida polos noieses, cumpre 760 anos no 2008. Foi alá polo ano 1248, durante o reinado de Fernando III o Santo, cando os exércitos do devandito rei cercaron Sevilla para liberala do dominio musulmán. Formaban parte da flota valentes mariñeiros de Noia que, baixo o mando de Payo Gómez Chariño, foron a primeira sección que atravesou as defensas sarracenas rompendo unha ponte de barcas reforzada con fortes cadeas, sendo este o primeiro e máis importante golpe que levaría aos musulmáns a entregar as chaves da cidade de Sevilla.
A relación entre Noia e Sevilla quedou plasmada no escudo da Vila de Noia ao que se lle engadiu unha cadea cunha media lúa pendurada dela, a cal foi concedida polos Reis Católicos, galardoando as fazañas dos valentes mariñeiros de Noia.
Para conmemorar tal fazaña e para renovar os vínculos que nos unen coa cidade hispalense, viaxará a Sevilla unha representación do grupo de goberno do Concello de Noia acompañado pola Escola de Danzas Noela, que actuarán na recepción que terá lugar na casa consistorial de Sevilla por parte do grupo de goberno municipal.
Rosalino García Novo José M. Glez. Canabal
Concelleiro de Educación Concelleiro de Actividades Lúdicas e Normalización Lingüística
Cando o campo se pervirte
Citamos agora aquí a presentación do libro Galiza na Guerra Civil. Campos de concentración de Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo na libraría Couceiro (a Fnac galega) de Santiago da que se fai eco o blog Arqueoneixón. Nós xa entrevistamos a un dos autores (o rianxeiro de Asados Xesús Santos) no seu día, unha entrevista que aínda poden ver aquí, pero non tiñamos ningunha imaxe dos restos do campo de concentración de Rianxo, que collemos do blog citado.
Este modo de confinamento inhumano, que se deu en chamar campo de concentración ou campo de traballo, foi no caso de Galicia un simple amoreamento de xente que non estaba no bando que logo gañou a guerra. Por que Rianxo, Muros, Padrón ou A Pobra? Porque tiñan porto, e Padrón liña férrea. Así os prisioneiros podían ser movidos como mercancía humana segundo lle conviñese aos militares de turno.
Na Wikipedia hai un longo artículo sobre os campos de exterminio, internamento ou concentración. Debeuno facer un americano, pois sitúa o primeiro campo moderno na Guerra Civil Americana. Como se ao longo das súas guerras de sempre, os homes non fixesen sempre o mesmo...
Tamén hai un específico sobre os campos de concentración franquistas, que son os que nos atinxen neste caso. É un artigo moi incompleto e que non ten unha soa referencia aos campos galegos. Está moito mellor o artigo referido ao campo de Miranda de Ebro, o último en pecharse desta negra historia de España.
Outra mostra do uso de YouTube para aprender Historia
Unha dramatización que dura só dous minutos e dezasete segundos. Sobre un capítulo da nosa historia que logo se pode ampliar na Wikipedia, como se pode ler en "acerca de" se preme dúas veces no vídeo.
Son os alicerces da Guerra Civil, e o protagonista do vídeo é Unamuno:
Os "Clicks" de Playmobil e a Romanización de Gallaecia
Con todo rigor histórico, os Clicks de Playmobil reconstrúen neste vídeo a romanización de Gallaecia.
Os bonecos de Playmobil están baseados nos debuxos que comezan a facer os nenos pequenos: cachola e ollos grandes, sorriso, sen nariz ou orellas; a figura humana simple de todo. Ademais, teñen o tamaño axeitado para que os nenos garden os bonecos no peto. Desta maneira, os nenos teñen unha figura que sorri sempre á man, coa que pode xogar doadamente e convertila cos seus accesorios nun individuo de calquera profesión ou época histórica. O límite está na imaxinación... como ben se ve neste vídeo.
Para os que aínda non saiban que son os Clicks, teñen unha boa referencia na Wikipedia.
De Oliveira Marques, gañador do premio Historia Medieval de Galicia 2007 :
"Atraeume a imaxe, case sensorial, dun tempo que sen ser as tebras, foi, de facto, rural, arcaico, mesmo precario para a esmagadora maioría dos que viviron"
É especialista no Medievo e no Renacemento pero iso non quere dicir que se mova entre pergamiños e non saiba empregar o correo electrónico. Cunha eficacia abraiante, André Manuel Evangelista de Oliveira Marques, de Vilanova de Gaia (municipio na área de Porto, en Portugal) respostou a varias cuestións que lle propuxemos.
O premio entregarase o 15 de marzo na casa de cultura de Porto do Son
Acláranos que o traballo merecente do Premio Historia Medieval de Galicia 2007 que vén de gañar é unha tese de mestrado (máster que equivalería a unha tesina aquí) presentada na Facultade de Letras da Universidade de Porto. A obra titúlase "O Casal: unha unidade de organización social do espacio no Entre-Douro e Limia (906-1200)".
Canto tempo invertistes na elaboración do teu traballo?
Un ano e oito meses, dende o inicio da investigación documental ata o final da redacción, traballando a tempo completo.
En que fontes investigastes?
Esencialmente, en fontes diplomáticas (cartas de venda, doación e permuta de propiedades, procesos xudiciais, testamentos, inventarios patrimoniais e outro tipo de documentación) conservadas en arquivos portugueses. Traballei só con documentación publicada (que inclúe a esmagadora maioría dos documentos portugueses anteriores a 1124)
Para quen non o coñeza aínda, que é o casal?
A pesares da grande variedade morfolóxica, o termo casal designa predominantemente no Noroeste peninsular unha unidade familiar de poboamento e de explotación rural que articula, en torno a un núcleo habitacional, un conxunto de compoñentes productivos moi variado (desde leiras de cultivo ata dereitos de explotación de espazos sen labrar).
Que foi o que máis che interesou como historiador desa etapa entre 906 e 1200?
A cronoloxía 906-1200 xustifícase, esencialmente, á luz da realidade documental: o punto de partida é fixado polas primeiras mencións documentais a casais no EntreDouro e Lima; o termo final discorre da imposibilidade de incorporar o significativo volume documental posterior a 1200 nun traballo que tivo como precepto metodolóxico a exhaustividade no tratamento das fontes. O meu interese xenérico pola recta final da Alta Idade Media (séculos X-XII) xustifícase sobre todo pola atracción por un periodo dominado por unha intensa polifonía. Atraeume, no fondo, a complexidade dun tempo que asiste simultaneamente á desagregación dos últimos trazos do mundo antigo e á afirmación de sociedades que, aínda que diferentes entre si, a historiografía acordou chamar feudais, sendo este proceso de transición dobre, no caso hispánico, pola dobre dinámica da reconquista e do repoboamento cristiá. E, por outro lado, a propia imaxe, case sensorial, dun tempo que sen ser das tebras (Dark Ages) foi, de facto, rural, arcaico, mesmo precario para a esmagadora maioría dos que o viviron. Paréceme tamén moi atractiva polo seu poder de suxestión telúrica. O feito de ser un historiador portugués acrecenta a estas razóns unha máis, non menos importante: a circunstancia de ser este o periodo de xénese dunha unidade territorial que sustentará, a partires do século XII, a formación do Estado portugués.

O premiado é natural de Vilanova de Gaia, fronte a Porto (Portugal)
André Evangelista discúlpase por non contestarnos en galego, pero temos que subliñar que nós tamén lle escribimos en "portugalego", así que non hai razón para pedir excusas. Para os puristas, e porque nos peta, reproducimos a entrevista en portugués, por se a nosa traducción -feita precariamente- tivese erros.
Canto tempo invertistes na confección do teu traballo?
1 ANO E 8 MESES, DESDE O INÍCIO DA INVESTIGAÇÃO DOCUMENTAL ATÉ AO FINAL DA REDACÇÃO, TRABALHANDO A TEMPO INTEIRO.
En que fontes investigastes?
ESSENCIALMENTE, FONTES DIPLOMÁTICAS (CARTAS DE VENDA, DOAÇÃO E PERMUTA DE PROPRIEDADES, PROCESSOS JUDICIAIS, TESTAMENTOS, INVENTÁRIOS PATRIMONIAIS E DIVERSOS OUTROS TIPOS DOCUMENTAIS) CONSERVADAS EM ARQUIVOS PORTUGUESES. TRABALHEI APENAS COM DOCUMENTAÇÃO PUBLICADA (QUE INCLUI A ESMAGADORA MAIORIA DOS DOCUMENTOS PORTUGUESES ANTERIORES A 1124).
Para quen non o saiba aínda, que é o casal?
APESAR DE UMA GRANDE VARIEDADE MORFOLÓGICA, O TERMO CASAL DESIGNA PREDOMINANTEMENTE NO NOROESTE PENINSULAR UMA UNIDADE FAMILIAR DE POVOAMENTO E DE EXPLORAÇÃO RURAL QUE ARTICULA, EM TORNO DE UM NÚCLEO HABITACIONAL, UM CONJUNTO DE COMPONENTES PRODUTIVOS MUITO VARIADO (DESDE PARCELAS DE CULTIVO ATÉ DIREITOS DE EXPLORAÇÃO DE ESPAÇOS INCULTOS).
Que foi o que máis che interesou como historiador desa etapa entre 906 e 1200?
A CRONOLOGIA 906-1200 JUSTIFICA-SE, ESSENCIALMENTE, À LUZ DA REALIDADE DOCUMENTAL: O PONTO DE PARTIDA É FIXADO PELAS PRIMEIRAS MENÇÕES DOCUMENTAIS A CASAIS NO ENTRE-DOURO-E-LIMA; O TERMO FINAL DECORRE DA IMPOSSIBILIDADE DE INCORPORAR O SIGNIFICATIVO VOLUME DOCUMENTAL POSTERIOR A 1200 NUM TRABALHO QUE TEVE POR PRECEITO METODOLÓGICO A EXAUSTIVIDADE NO TRATAMENTO DAS FONTES. NO ENTANTO, O MEU INTERESSE GENÉRICO PELA RECTA FINAL DA ALTA IDADE MÉDIA (SÉCS. X-XII) JUSTIFICA-SE SOBRETUDO PELA ATRACÇÃO POR UM PERÍODO DOMINADO POR UMA INTENSA POLIFONIA. ATRAI-ME, NO FUNDO, A COMPLEXIDADE DE UM TEMPO QUE ASSISTE SIMULTANEAMENTE À DESAGREGAÇÃO DOS ÚLTIMOS TRAÇOS DO MUNDO ANTIGO E À AFIRMAÇÃO DE SOCIEDADES QUE, EMBORA DIFERENTES ENTRE SI, A HISTORIOGRAFIA CONVENCIONOU CHAMAR DE FEUDAIS , SENDO ESTE PROCESSO DE TRANSIÇÃO DOBRADO, NO CASO HISPÂNICO, PELA DUPLA DINÂMICA DA RECONQUISTA E DO REPOVOAMENTO CRISTÃO. E POR OUTRO LADO, A PRÓPRIA IMAGEM, QUASE SENSORIAL, DE UM TEMPO QUE SEM SER DAS TREVAS (DARK AGES) FOI, DE FACTO, RURAL, ARCAICO, MESMO PRECÁRIO PARA A ESMAGADORA MAIORIA DOS QUE O VIVERAM, PARECE-ME TAMBÉM MUITO ATRACTIVA PELO SEU PODER DE SUGESTÃO TELÚRICA . O FACTO DE SER UM HISTORIADOR PORTUGUÊS ACRESCENTA A ESTAS RAZÕES UMA OUTRA, NÃO MENOS IMPORTANTE: A CIRCUNSTÂNCIA DE ESTE SER O PERÍODO DE GÉNESE DE UMA UNIDADE TERRITORIAL QUE SUSTENTARÁ, A PARTIR DO SÉCULO XII, A FORMAÇÃO DO ESTADO PORTUGUÊS.
Fallado o premio Historia Medieval de Galicia 2007
O premio que convoca a editorial noiesa Toxosoutos (http://www.toxosoutos.com) fallouse o 17 de decembro ás oito da tarde no Centro de Interpretación do Castro de Baroña, en Porto do Son.

Na praza da Catedral foi executado o Mariscal Pardo de Cela
O primeiro premio correspondeu á obra "O Casal: unha unidade de organización social do espacio no Entredouro e Limia (906-1200)". Foi presentada por André Manuel Evangelista de Oliveira Marques, de Vilanova de Gaia (Portugal). Correspóndenlle, segundo rezan as bases, 3.000 euros e a publicación do libro. Non temos aínda referencias deste autor, tan só esculcamos que é doutorado pola Universidade de Porto en Historia Medieval e do Renacemento. E pode que sexa descendente de Manuel de Oliveira Marques, personaxe de relevo económico que figura no artigo da Wikipedia lusa sobre Vilanova de Gaia.
O premio finalista foi para Ernesto Iglesias Almeida, de Tui, que presentou a obra "O antigo Bispado de Tui en Portugal". É merecente de 1.200 euros e a publicación, xunto co ganador, desta obra na colección Trivium de Toxosoutos. Este autor xa ten publicados varios títulos: "El Monasterio de las hermanas Clarisas de Tui. Un importante capítulo de la historia de la ciudad" e "San Pedro González Telmo" (Cofradía de San Telmo, Tui 2002); "Antonio del Villar: un artista redondelán do século XVIII" (Xunta de Galicia, 2001. ISBN 84-453-3074-8) e "Los antiguos portos de Tuy y las barcas de pasaje a Portugal" (E. Iglesia, 1984. ISBN 84-398-2258-8), ademais de numerosos artigos en revistas sobre a historia de Tui, algúns dos cales poden verse referenciados aquí.

Torre do Mariscal Pardo de Cela en Alfoz
Sen premio, pois só hai dous, pero mencionado polo xurado para que se publique, quedou a obra "Inventario toponímico do Tombo de Toxos Outos", de Paulo Martínez Lema (1982, Begonte, Lugo). Este escritor ten unha obra recollida no portal do Consello da Cultura Galega, aquí. E co tema que presentou a este premio xa participou nunha mesa da web Mocidade Investigadora, aquí.
Como se indica nas bases do premio, que se poden ler aquí, o premio concédese un 17 de decembro por se-la data histórica da execución do mariscal Pero Pardo de Cela en Mondoñedo.
Mercada a illa de Sálvora
Imaxe tomada de Google Earth a 333 metros
A illa de Sálvora, que pertence á parroquia de Aguiño, en Ribeira, xa ten novo dono: o Ministerio de Medio Ambiente. Os da Dirección Xeral de Costas din que xa están a traballar nun plan de protección desta paraxe. Convertirase Sálvora nunha especie de Illas Cíes para o Barbanza? As Cíes, que agora están recibindo unha limpeza de fondos que non ten parangón en toda Galicia, é unha fonte de emprego no sector servizos importantísima durante a tempada turística. A elas acoden, ademais dos visitantes e turistas normais, ornitólogos, amantes da observación da fauna e flora galega e fotógrafos profesionais. A inxección de cartos que supón para as navieiras que transportan aos visitantes, para os hoteis de Vigo e arredores que os hospedan, aparte dos cartos que se deixan nos poucos negocios que aínda poden operar nas illas, é abondosa. Veremos que pasa con Sálvora en vindeiros anos. Agora, o fareiro e numerosos científicos, así como ecoloxistas, aos que lles da moito traballo a herba do coitelo, son os únicos visitantes, así como algún mariñeiro cunha lanchiña xeitosa ou xente con iates. Polo momento, o aspecto da illa é o que se reflicte nas seguintes imaxes:
Rochas sobre as que se ergue a famosa Serea de Sálvora
Praia do Almacén ou Castelo
A influencia céltica, a debate
“Na actualidade non existe o aquí mencionado debate científico de Galicia Celta ou non -son os “Iker Jimenez” da vida os que o promulgan ca única base da etimoloxía-”. Así de rotundo se amosa o usuario Lansbricae, da Wikipedia Galega (gl.wikipedia.org) para que se borre o artigo sobre a influencia céltica en Galicia. De feito, é o máximo contribuínte ao artigo “O mito romántico do celtismo galego”.

“Polo que lin nesta páxina e no artigo os posicionamentos eiquí adoptados non evolucionaron o que si fixeron as teorias científicas baseadas na ciencia arqueolóxica, que confirman que a presencia celta na galiza foi inexistente ata a chegada de Roma, marxinal e propiciada pola propia presión romanizadora. Isto na actualidade non é posto en dúbida nin polo mais arriscado erudito da materia” o que o leva a insistir no borrado do punto 1.3 por ser acientífico, carecer de fontes e facer afirmacións que danan gravemente a obxectividade”.
Páxina anterior: Certames musicais
Páxina seguinte: Arqueoloxía1



