Print This Page

Nanowrimo

Logo do NanoWrimo 

Excalibor, galego participante no Nanowrimo:

 "Escribir é como todo, a práctica fai a perfección"


Estabamos no Lareta -adoitamos laretear de mañá, ao acender o ordenador, e de noite, para despedirnos- e lemos algo que nos chamou a atención: Nanowrimo. Un dos poucos lareteiros que aínda somos na Rede galega falábanos en xaponés! Acudimos ás présas ao sempre atento e compracente Google e aclaramos o que era aquelo. Pero non había moito máis polo Blogomillo así que fixemos xornalismo de ocasión: a ver se este nacho, este tipo cun avatar tan belicoso -leva unha espada- é quen de aclararnos o que é o National Novel Writing November nunha entrevista xeitosa.

Levabamos vantaxe, sabíamolo: escribe, le moito, seguro que de vaidade non anda mal, como todos os escritores, así que enviámoslle un cuestionario e malo será... Bingo, señores! En menos de 24 horas podémoslles ofrecer esta entrevista, xustiño antes de que comece esta tolería do Nanowrimo.

Logo Nanowrimo

Non cambiamos nada da entrevista. Servímoslla sen aditivos nin censura algunha, excepto o "off the record" que, nun xesto entre a xenerosidade e a exhibición impúdica, que tanto nos gusta, nos impuxo.

As webs de referencia téñenas na final do texto, como adoitamos facer en Certo.

1.- Para quen Nanowrimo lle soe a chino, que é?

O Nanowrimo é unha idea moi tola dun escritor autónomo estadounidense: a de que calquera, se realmente quere, pode escribir unha novela. É unha idea un tanto revolucionaria, porque a maior parte da xente que le non se dá conta de que o que está a ler podería telo escrito ela mesma. Ou non, mais que non hai un xene de escritor, nin nada diso: se queres escribir unha novela, faino, e punto. Deste xeito naceu o NaNoWriMo: unha novela (non das realmente longas, mais longa dabondo, arredor das 100 ou 120 páxinas). O problema é que moita xente, se realmente se senta e se pon a escribir, ten varios problemas: ou ben quere sacar a mellor novela da historia e da voltas e voltas arredor do primeiro capítulo, ou non lle adica o tempo suficiente; o resultado é normalmente o mesmo: a ilusión enfréase e o final o desencanto fai que abandone a idea de escribir.

Así, o señor Baty tivo unha idea xenial: a xente traballa mellor baixo presión, cun prazo de entrega. De aí que o Nanowrimo sexa unha novela nun mes. Sae a unha media de tres páxinas e media ao día, pero hai que escribir todos os días, haxa que facer a compra, celebrar festas, estudar exames, poñer a lavadora, boten un partido de fútbol... Constancia e insistencia. Ademais hai unha penalización implícita: o día que non chegas á conta, implica que despois tes que escribir máis
para poñerte outra vez na marxe segura.  O resultado é duplo: escribes de maneira regular durante unha ou dúas horas cada día, e ademais non te obsesionas sobre a calidade da literatura que escribes, porque estás demasiado ocupado intentando sacar esas 1667 palabras diarias e que a túa historia teña algún senso. Finalmente, cando chega decembro, tes unha novela escrita. A maior parte da xente nunca sequera o intentará, así aínda que non o consigas, xa estarás facendo algo extraordinario.

2.- Como demo fostes parar ti a esta iniciativa e xa hai tanto tempo?

Pois a dicir verdade, xa non me lembro. Cando era máis novo gustaba de escribir contos, sobre todo de ciencia-ficción. Máis adiante engancheime á novela histórica,  e tiven unha idea que quería ser escrita, máis os primeiros intentos foron infrutuosos. Un día atopei o Nano anunciado nalgún sitio de internet, e pensei que esa podería ser a oportunidade: era unha tolemia, pero ah, tan sublime! O que pasa é que comecei escribindo outras cousas, para ir practicando. Escribir é como todo, a práctica fai a perfección, incluso se o único no que te preocupas -inicialmente- é de seguir adiante, paseniño. O ano pasado foi o ano da miña idea, "Invencible", sobre a historia de famosa Grandíssima e Felicissima Armada da súa maxestade Felipe II de España. Foi moi interesante, aínda que teño moito por escribir.

3.- Que buscabas en Nanowrimo ao primeiro? e agora?

Ao primeiro buscaba dar ese paso. Para min, unha novela era un conto, pero moito máis longo. O certo é que algunhas novelas, en plan "best-seller", son contos longos, pola súa estrutura simple. Mais a novela non é un conto longo, é un tipo de besta completamente diferente: o conto esixe unha capacidade de síntese e unha habilidade de definir a través da acción moi interesante e difícil de conseguir. A novela, sen embargo, é completamente diferente: invita a construír un mundo e invita ao lector a se introducir nel e interactuar cos personaxes. A disciplina para escribir unha novela é moi diferente e foi algo que aprendín durante o primeiro Nano, o único non que non acadei o obxectivo das 50.000 palabras. Foi unha grande lección. Agora busco máis cousas, ademais de sacar de dentro as historias que pugnan por saír e aprender a contalas cada vez mellor, busco a comunidade que pouco a pouco estamos a construír en España --ademais da enorme comunidade virtual do Nano--, a emoción da creación, supoño que incluso o estrés e a suba de adrenalina que teño todo o mes... :-)

Atopada na rede

4.- O ano pasado participaron máis de 100.000 persoas: Acabaron todos a novela?

Non, por suposto que non. Non é unha tarefa doada, e moita xente non adica o tempo, a enerxía e a teima necesarias para poder acadalo. Por riba diso, moitos dos que chegaron ás 50.000 palabras --incluído eu mesmo-- non remataron a novela: a idea é unha novela de tantas palabras, pero moitas veces a historia é máis longa; o fin do Nano ás veces supón que as novelas quedan a medias, por falta de enerxía para continuar co traballo. Mais como normalmente son borradores de novelas
en necesidade dunha profunda revisión (hai un NaNoEdMo, en abril, para editar as novelas do Nano e facelas "boas"), sempre podes retomalas máis adiante. Eu fixen iso, un ano comecei unha novela e ao seguinte Nano, como só lle engadira unhas 5.000 palabras máis, retomei a novela e foi outro empurrón de 50.000... Se a retomo outro Nano máis, seguramente rematareina... :-)

5.- Quen le todos eses textos? Só familia e amigos?


Normalmente nin iso, ao menos no meu caso... :-) Non vexas o traballo que teño para que lean un dos meus contos curtos! Sempre están a dicir "tanto comezar novelas... a ver cando rematas unha!" mais despois non son capaces de ler un conto de apenas dúas páxinas... En fin, cousas... :-)

O Nanowrimo no The Guardian

6.- Nas bases do Nanowrimo non se cortan á hora de pedir "cantidade sobre calidade": non é o mesmo que está a pasar na nosa literatura e na española?

Sí, supoño que algo así pode estar a pasar. A diferencia estriba no obxectivo: no Nano o concepto de cantidade está supeditado ao obxectivo de ser capaz de escribir unha novela, aínda que sexa mala. Porén, moitas das malas publicacións actuais débense a un público pouco esixente que consume literatura como mero escapismo,  unha busca de morbo máis aló da telebasura, e non polo pracer de viaxar a outros mundos, de coñecer outras culturas, de vivir outras vidas. Hai, por suposto, honrosísimas excepcións, mais creo que o mercado editorial actual é, en xeral, un produto de consumo como calquera outro, e non necesariamente unha fonte de cultura: se o teu traballo é escribir novelas, e publicalas, e o pago das facturas depende diso, é difícil que poidas concederte certos luxos como reescribir unha novela para que sexa mellor: o mercado manda e un libro que hoxe é perfectamente vendible pode deixar de selo en seis meses, ou aínda menos. Vivimos na
literatura, como en todo hoxe en día, por modas fugaces de dubidosa profundidade, digamos, espiritual. 

No espírito do Nanowrimo, porén, eu estou de acordo: mellor cantidade que calidade. Pouca xente vive a un paso do paraíso, o normal é que teñas que dar moitísimos pasos nesa viaxe, e a maior parte deles serán, indefectiblemente, dados na dirección correcta: sen embargo, é o teu camiño, e ao longo del aprendiches e -digamos- forxácheste a ti mesmo: outro camiño daría lugar a alguén seguramente diferente. A práctica fai a perfección, e unha persoa que escribe centos de miles de malas palabras é alguén con ilusión, que gusta do que fai, de ler, de crear, acabará facendo algo bo, pode que espectacular. Se buscas a perfección desde o principio o máis probable é que abandones desilusionado.

Ilustración dun conto de Excalibor

Ilustración de Excalibor para un dos relatos da súa bitácora "Espallando bolboretas"



7.- Polo blog "O gume da espada" vemos que estás a ler como un condenado a galeras: canto tempo lle adicas a ler e escribir?

Pois depende moito das circunstancias. Debido ao transporte público teño o luxo do tempo (a costa do sono, claro :-P ) e o normal é que lea mentres vou e volvo do traballo, ou de outros sitios onde asisto con regularidade. Un día normal son entre dúas e catro horas lendo, non necesariamente literatura, porque adoro a historia e as linguas, así que normalmente é un pouco de todo. Non é raro que leve un par de libros, por se me apetece unha cousa no canto da outra, e posiblemente teña catro ou cinco libros con marcador que vou avanzando segundo se tercia.

Escribir é máis complicado, no canto que se leo, non escribo. A maior parte das palabras dos últimos catro Nanowrimos e os outros tempos que lle adiquei a escribir (arredor de 250.000 palabras, supoño) foron no tren de "Cercanías", no autobús ou nunha cafetaría esperando a que alguén chegase ou a entrar nalgún sitio. Son un escritor de tránsito, digamos. Máis cando escribo non podo ler, así que teño que atopar un balance... O Nanowrimo é unha adicación case que exclusiva á tarefa de
escribir, así que supoño que cando no podo máis, deixo de escribir e leo... :-) De media eu diría que durante o Nano lle adico á escritura unha dúas horas e media, quizais tres, ao día. A maior parte destas é no transporte, claro, porque cando chegas á casa tes todas as cousas diarias esperando, así que teño menos tempo alí.

Cabeceira de "Espallando bolboretas"



8.- "Espallando bolboretas": cres que a literatura ten tanta forza como lle da teoría do caos a unha bolboreta?

Nun mundo mellor, si, sen dúbida. Incluso neste mundo noso, moitas revolucións sociais partiron tras dun libro ou unha publicación, e certamente comezamos a falar de Historia coa creación da escritura. O problema é que hoxe en día vivimos nun mundo esquizofrénico, no que o tempo é escaso, as tentacións moitas, e a realidade moi dura, incluso no chamado Primeiro Mundo. As novas xeracións de humanos nos países poderosos que teñen a capacidade de, realmente, cambiar as cousas, teñen poucas razóns para ler, porque a súa realidade está baseada en resultados económicos, non en capacidade humana. Os manuais técnicos en todas as disciplinas aportan un coñecemento valiosísimo, mais non teñen a capacidade de crecemento como persoas que ofrece a literatura ou o ensaio. Penso que mentres máis técnico tórnase o mundo, máis formación humanística básica deberían recibir os nosos nenos. Nun mundo en que todo son estadísticas, a fame, a pobreza, as inxustizas que
diariamente se cometen a través de mentiras e falacias non poden chegarnos senón como outros datos máis, e non como a traxedia que realmente son: unha dor inenarrable, como dicía Virxilio.

Fomentar a lectura crítica de libros que teñan a capacidade de transformar o lector é unha prioridade: necesitamos cidadáns capaces de emitir os seus propios xuízos, de evitar esa manipulación fundamental, capaces de, chegado o caso, facer realidade unha transformación. Aínda que ese obxectivo só se conseguise nunha pequena
porcentaxe, sería unha grande vitoria sobre a ignorancia que os poderosos prefiren.  Creo que son un pouco idealista.

9.- Ata onde podes falar de ti? Tes publicado algo en papel?

Pois son un físico que se adica á informática e vive en Madrid. Cando era máis novo, escribía contos de ciencia-ficción, e algún deles foi publicado en revistas non profesionais do sector. O mesmo pasou con algúns cómics que debuxei. Da miña produción recente, o único que teño rematado (condición sine qua non) e publicado son as bolboretas que puxen a disposición no meu blogue con licencia Creative Commons. Agora levo uns oito ou dez anos bastante enganchado á novela histórica, e case que toda a miña produción é de temática histórica (Micénico, Persas aqueménidas, Roma imperial e a historia Moderna).

Este ano tocaba a Guerra da Independencia, mais as circunstancias da vida obrigáronme a desbotar esa idea polo momento. E de todas estas, ningunha está aínda rematada. Xa sei, xa sei... :-P Así que tras moitos, moitos anos, vou voltar á fantasía (considerando que a ciencia-ficción é tamén fantasía) mais esta vez a unha especie de fantasía urbana filosófica. Pero vai ser moi divertido e terá moita acción e todo iso... ;-) Finalmente, esta é primeira novela que escribo en galego, tras moitísimos anos desde a miña última produción (unha pequena colección de poemas e unha obra de teatro para un concurso do colexio). Penso que xa era tempo, que carallo!

10- Daste conta que esta entrevista pode interferir nunha novela tan parida á presa? Para quen escribe Excalibor, e sobre todo, para que escribe?

Afortunadamente estou a facela antes de que comece o Nano... :-) Excalibor escribe para si mesmo, basicamente, aínda que si me gustaría poder levar a miña obra ao público (como fago coas bolboretas), se considero que teño algo positivo que aportar, algo que pode sementar unha transformación, mesmamente leve, do lector. Aínda non estou nese punto, as bolboretas son o que podo ofrecer neste momento, e o mercado editorial ten o conto bastante abandoado, así que por iso utilizo internet. Aínda así, as bolboretas son o produto do meu egoísmo. Supoño que publicalas é produto do meu orgullo (e non da miña xenerosidade).

Pero si, escribo basicamente para min, e escribo aquilo que non está escrito e gustaría de ler. Hai historias, feitos, vivencias, que me piden saltar ao papel, ter unha voz, unha nova vida. Normalmente escribo para sacalas de dentro quedar tranquilo. É como unha cousa que queima, e hai que tirala para fóra. Afortunadamente o  Nanowrimo permíteme dosificar un pouco esta doenza, e o ano pasa así un pouco máis tranquilo e máis pleno.

Por último, agora teño na familia algúns rapaces e rapazas que intentar dirixir polo bo camiño... :-)  Supoño que cando teña a oportunidade, surxirá a posibilidade de escribir tamén para eles, como facía coa miña irmá cando era moi noviña e lle contaba contos "á carta" para que quedase durmida...

11.- Cando vas voltar por Barbanza e comprobar o moito ou pouco -hai división de opinións- que prosperou esta terriña? Cada vez edifícase máis, pero tamén descubrimos máis mámoas e levantamos máis castros...

Pois non o sei, pero gustaríame que fose pronto. O problema é que viaxar a Galiza en autobús ou tren unha fin de semana é algo aínda bastante canso, e dependendo do destino ao mellor pasas case o mesmo tempo viaxando en buses que o que estás coa xente. Dende que estou en Madrid, deime conta de canto ten aínda que andar Galiza para poder dicir que está á altura de outras rexións de España. Creo que fomos un pouco marxinados de máis, e eu mesmo son produto dese abandono, en certa maneira, como tantos outros xoves que tivemos que marchar para fóra na busca dos nosos soños.

12.- Un tipo que escribe en galego en Madrid: onde botastes o teu acento? ou lévalo con orgullo o de cantar ao falar?

Levo, levo... :-) Como mariñán que son, levo meu acento e a miña variedade dialectal do galego con orgullo e ledicia. Desgraciadamente non falo tanto en galego como preferiría, e os acentos vanse suavizando, así como as palabras esquecendo. Este Nano é unha homenaxe e ao mesmo tempo o pago da débeda que teño  coas miñas orixes, e con esa parte de min mesmo que quedara relegada a outro plano nesta cidade cosmopolita e impersoal.

Por outro lado, somos tantos galegos en Madrid, que se nos levantásemos en armas, tomábamos a capital en un par de horas... :-) Os meus mellores amigos, non sorprendentemente, tamén son galegos, tanto aquí como na Galiza; e os que non o son, fágoos galegos honoríficos ao pouco tempo.

13.- Seguro que nos queres contar algo interesantísimo e non houbo xeito de meter baza: que é? 

Pois... non xD  Bastante teño dito xa, non credes? Seguro que a xente cae morta de aburrimento a metade da entrevista... Só invitar á xente que teña interese no tema a que participe no Nano, nos foros, nos meus blogues, e que lea, escriba e non pense que hai algo fóra da man dunha persoa determinada e con vontade: se realmente unha Musa te toca, es un privilexiado e tes a obriga de honrar ese privilexio con traballo, suor e, si, moita frustración, mais a satisfacción de ter un fillo da túa mente e da túa alma non ten valor, e tampouco prezo.

Querería engadir que todo esto é posible coa axuda e comprensión de amigos e parella, que ás veces teñen que sufrir moito durante este mes, ou os períodos nos que estou en modo escritor-obsesivo... Graciñas a eles tamén, aínda que despois nunca lean nada meu... :-P


Webs de referencia

Páxina do Nanowrimo: http://www.nanowrimo.org/es

Flickr do Nanowrimo: http://www.flickr.com/groups/nanowrimo

Blog "O gume da espada": http://excalibor.blogaliza.org/

Blog "Espallando bolboretas": http://bolboretas.blogaliza.org/


Páxina anterior: Libros
Páxina seguinte: Obradoiro literario