Print This Page

Notas recibidas

Calquera institución ou particular pode enviar informacións de interese á comunidade

-que non sexa publicidade-

 

(Nota do 17/12/2007)

Rasante novo entre Rianxo e Asados?


O BNG de Rianxo a través da súa voceira Adelina Ces ven de transmitir a súa preocupación á parlamentaria do BNG Ana Pontón polas obras que se están a realizar sobre a autovía na ponte da Barraca, na estrada entre Rianxo e Asados.


O novo viaduto para salvar a autovía está a adquirir unha altura maior á rasante da anterior estrada, co risco de que queira a empresa xenerar neste punto un cambio de rasante onde non o había, o que sería nun futuro unha constante fonte de riscos para a seguridade vial de vehículos e peóns.


O BNG demandará tamén que o Concello esixa á empresa Itinere (Sacyr) que está a realizar os traballos, que subsane as deficiencias e clarifique o proxecto mantendo a altura do vial Asados Rianxo tal e como estaba sen aventuras que comprometen a seguranza futura.


No seu día tamén consideramos unha falta de respecto aos veciños de Asados e Rianxo que se habilitara máis unha corredoira que un tramo alternativo, non un tramo dunha estrada provincial de referencia para os veciños que circulan desde Rianxo a Compostela e as comunicacións da parroquia de Asados con Rianxo. Ademais das molestias das obras, o vial careceu de paso peonil, a anchura da vía foi insuficiente, o asfalatado de ínfima calidade e moitas outras eivas, á que se engade agora a posíbel chapuza de subir a rasante creando un baden, o último dunha serie de despropósitos e da falta de respecto xeral da empresa con Rianxo. Todo coa febleza da posición do alcalde que deixou facer: inundacións no Monte de Dorna, bloqueo do río Té, accesos a Vilas, Somoza, corte da estrada entre Asados e Leiro, entre outras.


Adelina Ces demanda do Concello firmeza na defensa de Rianxo, co alcalde na súa cabeza, e que vaian en primeiro lugar os veciños fronte as comodidades da empresa concesionaria e insta a amañar as desfeitas provocadas.




(Nota do 15/12/2007)

O BNG fixo xestións ante a Deputación de A Coruña e a Consellería de

Industria para poñer en marcha o campo de herba artificial


En 2003 inicáronse os trámites na Deputación para que en Ribeira houbese un
novo vaso da piscina e un novo campo de herba artificial. Unha obra
orzamentada en preto de 900000 euros e que ata estas datas, case rematado o
2007, non está, de xeito completo, a disposición dos usuarios/as do noso
concello. Son moitos/as os/as deportitas que queren usar estas instalacións
deportivas e cando menos son 3 clubes de fútbol, cunhas numerosas categorías
base, os que queren facer uso do campo.
Dende o BNG xa levamos tempo interesándonos pola tardanza da posta en
marcha destas instalacións, reunímonos cos clubes para oír as súas demandas,
fixemos solicitudes instando ao goberno municipal a que tomara o asunto en
serio e o resolvera, etc… Exemplos poden ser a solicitude feita o 28 de agosto
(http://bng-ribeira.org/domi/index.php/2007/08/30/melloras-no-complexodeportivo-
da-fieiteira/ ) ou a solicitude de Novembro ( http://bngribeira.
org/domi/index.php/2007/11/27/reclamamos-o-arranxo-das-luces-doscampos-
de-futbol-da-fieiteira/ )
Xa antes de rematar a temporada 2006-07 os clubes de fútbol nos fan saber que
precisan a legalización dun campo que á vista de todos/as está rematado, xa que
sen esta legalización non poderían desputar partidos oficiais nese campo.
A finais de agosto os técnicos municipais nos informan que nuns días todo estará
amañado e os clubes poderán usar o campo. Pasou o tempo e ante esta deixadez
do goberno de Ribeira, iniciamos unha serie de xestións informativas para saber
de primeira man como estaba a situación administrativa destas instalacións e
ver, na medida das nosas posibilidades, de desbloquear a situación coa finalidae
de poñer a disposición da cidadanía estas instalacións. Traballamos a dous
niveis: na Deputación de A Coruña e na Delegación da Consellería de Industria.
Na Deputación se nos informa que hai certos problemas do acabado da obra do
no novo vaso que impiden que a Deputación recepcione a obra, paso previo para
que esta poida ser recepcionada posteriormente polo concello. Tamén se nos
informa que a parte da obra correspondente ao campo de fútbol está rematada.
Plantexamos entón á Deputación, a través da nosa deputada Rosana Pérez, a
posibilidade dunha entrega parcial da obra na que se recepcionaría o campo de
fútbol nun primeiro momento e logo a piscina. Dende o ente provincial se
autoriza facer esta entrega parcial. Entrega esta que se vai facer nestes días,
primeiro á Deputación e logo esta ao concello de Ribeira.
Solicitamos, como concelleiros, información á Delegación de Industria sobre o
estado do expediente destas instalacións deportivas. Se nos remite
documentación na que se indica que a vella piscina de Ribeira aínda está
pendente de legalizar xa que falta documentación que debería ter enviado o noso
concello dende 1989. Ademáis hai requerimentos para subsanar deficiencias
relacionadas cos paneis solares, instalación de climatización, etc. Todas estas
deficiencias estaban moi relacionadas coa piscina. Ao estar na mesma instalación
a vella piscina e novo vaso, Industria non podería autorizar a legalización desta
última se antes non se resolven as incidencias do vello vaso.
Todas estes requerimentos foron informados en tempo e forma ao noso concello
por escrito e incluso un técnico municipal foi en novembro de 2006 á propia de
delegación de Industria onde se lle explicou de primeira man que cuestións non
eran correctas e como subsanar esas deficiencias. Pódense ver os escritos
remitidos ao concello de Ribeira por parte da Delegación de Industria en
http://bng-ribeira.org/domi/wp-content/uploads/2007/12/2007-12-
13documentos_industria_fieiteira.pdf
Dicir que dende aquela ata o 12 de decembro de 2007 (vai alá máis dun ano) o
concello de Ribeira non enviou ningunha documentación á delegación de
industria para resolver estes requerimentos.
Ante esta situación o BNG de Ribeira pregunta aos técnicos da delegación de
industria se sería posible legalización parcial do campo de herba artificial. A
resposta foi afirmativa e só habería que facer a correspondente solicitude e unha
serie de obras menores para separar as instalacións eléctricas da piscina e do
campo de herba. Cuestión esta que debe facer formalmente o equipo de goberno.
Así pois nestes días a empresa constructora entregará o campo de fútbol á
Deputación e esta vai entregala ao concello. Así o goberno local debería queixarse
menos e facer o que debe de facer ante a delegación de industria, que tempo
tiveron.
Todas estas xestións foron feitas polo BNG e ata onde nos consta o goberno local
non moveu un dedo, limitouse a “botar balóns fóra” acusando ao bloque de
impedir que se fagan as cousas, cando realmente é o BNG quen está movendo o
tema para que se arranxe dunha vez.
Ante este evidente abandono de funcións e a demanda lóxica e insistente dos
clubes de fútbol, o BNG ten a responsabilidade de tentar resolver esta situación e
así fai.
O BNG nunca xogou a poñer trabas para que obras ou servizos se poñan en
marcha no noso concello. Quen tal afima só esconde as súas carencias como
xestor, porque o que fixo o BNG de Ribeira poderíao ter feito o propio o goberno
local.
Dende logo o BNG seguirá traballando para que tanto o campo como a piscina
estean en marcha canto antes e estén a disposición da cidanía que é a quen
nos debemos.

(Notas do 13/11/2007)

Presentación de "Bastantes Llon"

A Asociación Cultural e Deportiva Bastantes Llon pon en coñecemento dos seus socios e amigos que o vindeiro sábado día 15 de Decembro vai ter lugar a presentación pública da Asociación e das actividades que vai levar a cabo durante o ano 2008.

Con este motivo, a Asociación está a programar unha serie de actividades que se levarán a cabo o sábado día 15 de Decembro en distintos puntos da cidade e que servirán como posta de largo e presentación das distintas actividades que esta Asociación, de recente creación, vai poñer en marcha nas próximas semanas:

-    Escola de Música.
-    Obradoiros de Costura.
-    Obradoiros de Globoflexia.
-    Banco de instrumentos.
-    Obradoiros de títeres, zancudos e cabezudos.
-    Obradoiros de circo e malabares.
-    Viaxes, excursións, intercambios culturais, etc...
-    Actuacións musicais.
-    Actividades deportivas, rutas de sendeirismo, etc...

Así, estas e outras actividades serán presentadas durante a xornada do sábado a través de actividades na rúa como actuacións musicais e teatrais, clases e obradoiros na rúa, paneis informativos, fanzines, etc...

Ademais, aproveitando a ocasión, tamén este sábado vai ter lugar a comida de Nadal da Asociación, que terá lugar a partires das 14.00h no Pub Desván ( Ribeira) e na que poderán participar (previa inscrición) todos os socios e amigos da Asociación Bastantes LLon.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS DISTINTAS ACTIVIDADES E SOBRE A COMIDA DE NADAL NO TELÉFONO: 628.199.988 E NA TABERNA CELTA “TRISKEL”.


Piden soterra-lo cableado no casco urbano de Ribeira

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Francisco Ayaso Bretal, ten presentada unha moción diante da Corporación Municipal pola que reclamamos que en todas as obras que se realicen no casco urbano e nos núcleos de poboación, que impliquen o levantamento da calzada ou beirarrúas, se deixen as canalizacións necesarias para poder soterrar estes servizos.



Tamén demandamos que se negocie con FENOSA e TELEFÓNICA para soterrar as liñas nos núcleos de poboación e no casco urbano, así como a retirada dos postes que están invadindo a calzada en diferentes lugares do concello.

No casco urbano de Ribeira levamos anos padecendo unha situación de obra inacabada por falta de previsión e planificación do Grupo de Goberno do PP. As obras inícianse simultaneamente en distintas rúas sen rematar en ningunha, pese a ter sobradamente esgotado o prazo de execución. A todo isto súmase a falla de sinalización dos constantes cortes de tráfico, e o inexistente deseño de itinerarios alternativos, que ocasiona infinidade de problemas a toda a cidadanía.

A falla de previsión, planificación e control na realización da obra pública faise tamén patente en outras actuacións. Así, na maioría dos casos, o acondicionamento de rúas e beirarrúas non ten previsto o soterramento do cableado para as liñas eléctricas, telefónicas, nin sequera o do alumeado público.

Un bo exemplo é a Rúa Mariño de Rivera. Nesta rúa preténdese grapear o cableado e colocar as farois ó longo das fachadas das vivendas, co trastorno que eso supón para os propietarios e para a estética dos edificios.

Para o grupo municipal do BNG, o Concello deberá facer as obras dando o mellor servizo posible para os nosos veciños/as e tamén pensando na modernización da nosa cidade, deixando previstas todas as canalizacións necesarias para poder soterrar os cableados que pasan ó longo das fachadas das edificacións.

Información recollida de  http://www.bng-ribeira.org/domi/

 

(Notas do 12/12/2007)

Rianxo: piden a cesión do polideportivo

O BNG de Rianxo láiase da negativa do Concello a ceder o uso puntual das pistas deportivas para a celebración do festival de Nadal dos escolares do Colexio Público Castelao.

Esta medida unilateral do Concello non é entendíbel para o BNG e cre se volve castigar á comunidade escolar pola súa combatividade contra a polémica rotonda que tantos problemas ten causado ao recinto escolar, inhabilitando aulas do centro.

O BNG non comparte as motivacións do executivo nen as razóns técnicas e pensa se poderían encontrar con boa vontade alternativas válidas. Noutros pavillóns deportivos de Galiza e da bisbarra celébranse todo tipo de eventos, incluso actuacións musicais, empregando superficies que aillan e protexen parqués de madeira, similares ao rianxeiro, ben cubrindo con grandes alfombras plásticas as pistas, ben con outros materiais de protección. Lembremos todos os actos que se desenvolven no Multiusos de Sar en Compostela no que nas pistas se fan até competicións de motosou bicicletas e megaconcertos con milleiras de persoas convivindo coa competición de Divisón de Honra de Fútbol Sala e mesmo no Nadal convertíndoo nun recinto con atraccións como autos de choque ou inchábeis. 

Do mesmo xeito existía vontade polo centro de empregar tamén un calzado axeitado polos cativos, caso o Concello rianxeiro carecese de material de protección das pistas, mantendo ao público nas gradas e só accedendo ás pistas os intervinientes. Nen sequera esta solución serviu para o Concello, empecinado en negar o uso ao colexio.

O BNG presentará unha iniciativa nos vindeiros días tentando desbloquear esta negativa municipal.

Ribeira: Actuación integral en Fondevila


O Grupo Municipal do BNG vén de solicitarlle ao Goberno Municipal que inclúa no orzamento do vindeiro ano unha partida para levar a cabo unha actuación integral no lugar de Fondevila que supoña:

• O arranxo e mellora da rúa da Habana.

• A mellora das canalizacións de todo o barrio e do pavimentado de todas as rúas, dotando tamén dos contedores necesarios para a recollida selectiva do lixo.

• Acondicionar un espacio de lecer no barrio e regular a circulación dun xeito máis acaído.

• O arranxo da fonte pública que alí existe e, en xeral, de todo o seu entorno, levando a cabo as actuacións necesarias para a recuperación do seu caudal.

O lugar de Fondevila e o seu entorno presenta un aspecto moi deteriorado, polos escasos investimentos que se fixeron nos últimos anos en todo o barrio, a pesar das promesas feitas en Pleno polo Grupo de Goberno do PP. A parte superior da rúa da Habana, que dá servicio directo a catro vivendas, resulta intransitable debido ao precario estado do seu firme. Algunhas persoas mesmo estacionan os seu vehículos diante obstruíndo o paso por semellar un camiño a ningunha parte. A carón desta rúa existe unha finca particular en lamentable estado, pese as labores feitas polos propios veciños e veciñas, sobre a que o concello debera actuar.

Ademais son varias as rúas que presentan roturas en tubarias e todas elas necesitan unha mellora no firme. O barrio precisa tamén dunha dotación adecuada de contedores para a recollida selectiva de lixo.

A emblemática fonte e o lavadoiro de Fondevila e o seu entorno, aínda moi utilizados pola veciñanza, precisan unha actuación cara a mellorar o seu estado de limpeza e conservación. Tamén habería que valorar as causas da alarmante diminución de caudal producida nos últimos anos e actuar na súa recuperación.

Fondevila é un barrio vivo. Hai, polo tanto, abundante circulación de vehículos que compre regular. É preciso establecer os sentidos idóneos de circulación e os lugares de aparcamento máis acaídos.

Consideramos tamén moi importante a dotación ao barrio dun espacio de lecer ao que poida ter acceso toda a veciñanza.

Máis información en http://bng-ribeira.org/domi/

 

(Nota do 10/12/2007)

Parques infantís de lei en Ribeira

O BNG de Ribeira, por medio da concelleira Ana Álvarez, vén de presentar unha iniciativa municipal pola cal solicita que se realice a obrigatoria inspección e revisión por técnicos competentes e con formación acreditada e que se adecuen tódolos parques do noso concello á normativa vixente.

Ao mesmo tempo tamen demandamos que se adecuen circuítos independentes para xogos de velocidade (bicicletas, patinetes e similares) e pistas multideportivas (baloncesto, fútbol,...).

A Poboación de Ribeira conta con 4.272 nenas e nenos de 0 a 15 anos (fonte INE). A Convención dos Dereitos dos nenos e nenas, do ano 1989, ratificada polo Estado español, dispón no seu artigo 30.1º o dereito dos nenos/as ao descanso e ao esparexemento, ao xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade. Pola súa parte a resolución do Parlamento Europeo sobre a Carta Europea dos Dereitos do Neno/a refírese a estes mesmos dereitos.

A Lei Orgánica 1/1996, de 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor sinala que as administracións públicas deberán exerce-las súas competencias en materia de control e adecuada regulación e supervisión dos espacios nas condicións físico-ambientais e hixiénico-sanitarias. As recomendacións técnicas relativas á seguridade nos equipamentos e instalacións das áreas de xogo desenvolvéronse polo Comité Europeo de Normalización nas diferentes normas UNE-EN (1176 e 1177). Esta lexislación ten o seu correlato en Galicia no Decreto 245/2003, de 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade dos parques infantís.

Existen tamén informes encargados pola Xunta de Galicia que demostran que a maioría dos parques infantís teñen importantes deficiencias.

Se botamos unha ollada aos parques infantís do noso municipio, advertimos que moitas destas deficiencias detectadas pola Xunta se reflicten nas nosas instalacións: risco de ficar atrapados, enferruxamento de elementos metálicos, arestas e saíntes afiados, ancoraxes deficientes… A máis disto, na maioría das instalacións, as superficies de amortecemento de impactos, que deberán protexer aos nenos no caso de caídas non existen na meirande parte dos parques existentes.

O Decreto mencionado establece a obrigatoriedade dos concellos a adaptar a normativa nun prazo máximo de cinco anos mellorando o deseño dos distintos elementos e a súa protección contra caídas, substituíndo a area do chan por superficies flotantes de cortiza ou outro material amortiguante, incorporando unha serie de indicacións e sinalizacións para previr accidentes e facilitando o acceso de menores e persoas con discapacidade e integrando xogos adaptados para estes menores.


(Notas do 29/11/2007)

Melloras para Cubeliños e Abesadas

LUÍS TEIRA PARADA, Concelleiro do Grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
(BNG), neste Concello, presenta a seguinte solicitude ante o Pleno da Corporación Municipal e ante o
Alcalde en relación coa demanda da mellora de varios aspectos nos barrios de Cubeliños e Abesadas.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O barrio de Abesadas, de recente creación, fusionouse ao tradicional barrio de Cubeliños dentro da
parroquia ribeirense. O espectacular cremento urbanístico desta zona debe de ir acompañado dunha
importante de dotación de equipamentos e servizos que cubran as necesidades da moita veciñanza que vive
nestes barrios.
Son moitas as demandas feitas polos veciños e veciñas e que o BNG fai súas e que goberno
municipal debería dar cumprida e rápida solución.
Polo tanto o Grupo Municipal do BNG
SOLICITA:
1º A colocación de papeleiras e doutros mobiliarios urbanos nas rúas destes barrios.
2º O arranxo de beirarrúas que levan anos rotas (por exemplo na Rúa Estatuto e na Rúa Xosé
Ramón Barreiro entre outras).
3º A colocación de sinalización vertical e horizontal (pasos de peóns).
4º A regulación do tráfico en todo o barrio e en especial na rúa Carlos Casares (facendo un
extremo da rúa como entrada e outro como saída), xa que as marcas viarias que recentemente se pintaron
non semellan dar fluidez ao tráfico.
5º A instalación de farolas na rúa de Cubeliños que está comprendida entre unha urbanización de
vivendas adosadas e un valado dunha obra pendente de iniciar (próxima á gardería municipal). A colocación
destas farolas semella algo urxente xa que hai uns ferros colocados nas beirarrúas que soportarán as
farolas, supoñendo esto un claro risco para as persoas que camiñan pola nomeada rúa.
6º Na mesma rúa que no punto anterior, o arranxo e reposición de arquetas e tapas de
alcantarillas.
7º A limpeza dos sumidoiros de pluviais nas rúas do barrio.
8º A ampliación do parque de Abesadas logo da ordenación do tráfico da rúa Carlos Casares.
9º A mellora e reparación das farolas en todas as rúas dos barrios.
10º A regulación do aparcamento na Avenida da Constitución.
11º A limpeza das silvas das fincas lindantes que invaden á Avenida da Constitución, ou no seu
defecto indicarlle aos seus propietarios/as a necesidade de que as corten
Ribeira, 29 de Novembro de 2007


Demandas do BNG de Rianxo no PXOM

Adolfo Muíños Sánchez, concelleiro e responsábel local do BNG, con DNI 33264742 A, membro da Comisión Informativa do PXOM desta Corporación, no meu nome e o do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, quere facer constar o seguinte perante esta comisión:

Levamos varias semanas de xuntanzas dos señores concelleiros pertencentes a esta comisión mantendo presenza e participación activa nunha interesante ponencia sobre urbanismo e ordenación municipal. E, en especial, abordando as novidades lexislativas sobre ordenación urbana en concreto, que está a resultar enormemente formativa e de interese para quen isto suscribe, sendo de agradecer a dispoñibilidade do arquitecto que a imparte para coa nosa comisión. Mais cremos no BNG chegou o momento en que, en paralelo ao desenvolvemento destas sesións, é hora de sermos efectivos e proceder á toma de decisións políticas sobre o obxecto final da nosa actividade: dotarnos dun PXOM que supla ás actuais normas subsidiarias.

É por iso que co ánimo de proceder a avanzar neste obxectivo e para continuar co labor que a cidadanía depositou nos nosos grupos, faise necesario logo de varios procesos fallidos de elaboración e aprobación do planeamento, abordar nestes momentos estas demandas que plantexamos no seo da Comisión para a súa operatividade:

         Participación diante da Comisión do redactor do Plan Xeral desbotado, empresa ARTEPLÁN, para recabar e ouvir  a súa opinión diante da decisión de non presentar o seu traballo á Xunta de Galiza, nomeadamente a Consellaría de Política Territorial.
         Resumo da situación económica actual ligada ao desenvolvemento do PXOM: Importe total a aboar polo Concello de Rianxo polos traballos, os pagos xa realizados a ARTEPLÁN e as cantidades adebedadas.
         A Subvención da Consellería de Política Territorial do ano 2004 sinalaba que RIANXO en concepto de PXOM E CARTOGRAFÍA recibiría 112.702,63 €. Desta cantidade: canto xa se recibiu desde a Xunta para realizar os pagos a ARTEPLÁN, que outra non se recibiu e non se poderá xustificar, e canto deberá pagarse finalmente con fondos propios do Concello pola renuncia do equipo de goberno a presentar o PXOM?
         Estado actual de elaboración da nova cartografía. Facilitar unha copia en CDROM-DVD aos grupos da oposición para podermos realizar con solvencia o noso labor.
         Copia da resposta remitida por Medio Ambiente da Xunta de Galiza encol da Avaliación Inicial Estratéxica, tras a entrega dun documento por este Concello como parte integrante do proceso de avaliación ambiental respondendo ás esixencias da Lei 9/2006, relativa á avaliación dos efectos de determinados plans e programas sobre o medio ambiente.
         Definir neste momento en que fase estamos de elaboración do PXOM: estamos diante dun proceso aberto novo? É continuidade do proceso anterior? Caso de estarmos perante un proceso novo: cal vai ser o método de traballo? Cómpre dotarnos dun calendario concreto e uns prazos referenciais.
         A formulación do Avance do PXOM  é potestativa de acordo co disposto no artigo 84.3 da LOUGA. Nel sinálase que acordada a redacción de calquera instrumento de ordenación urbanística, poderá formularse potestativamente un avance do plan que sirva de orientación á súa redacción, no que se conteñan a estratexia, as directrices e os obxectivos xerais do plan. A seguir, abrirase un período de información pública por prazo mínimo dun mes, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior circulación da provincia, durante o cal as entidades e os particulares poderán suxeri-lo que consideren oportuno e presentar propostas e convenios urbanísticos que xulguen procedentes. Neste senso convén marcar canto antes esta decisión estratéxica e optarmos ou non por esta modalidade de avance non realizada até o de agora no planeamento rianxeiro.
         Imos proceder a unha nova contratación dunha empresa para elaborar o PXOM, e do Informe de sustentabilidade ambiental? Demandamos entón a celebración dun concurso público, aberto, para presentación de propostas conforme a unhas bases consensuadas que permitan a elección conxunta dunha empresa para encetar estas tarefas.
         Os concelleiros do BNG desta lexislatura 2007-2011 demandarán unha copia en CDROM-DVD do PXOM e dos documentos necesarios para o seu traballo, xunto á cartografía en elaboración, sendo conscientes da responsabilidade e o deber de guardar reserva en relación con las informaciones que se les faciliten para hacer posible el desarrollo de sus funciones y, especialmente de las que han de servir de antecedente para decisiones que aún se encuentren pendientes de adopción, así como para evitar la reproducción de la documentación que pueda serles facilitada, en original o en copia para su estudio, (artigo 16.3 do ROF). Os concelleiros do BNG decidiremos neste senso qué, cal e canta información necesitamos para realizar o noso labor, non nos vai marcar o Sr. Alcalde si estamos ou non informados. Calquera atranco neste sentido será interpretado pola nosa parte como un interese en ocultar e dificultar as nosas tarefas e afastaranos do necesario consenso que a día de hoxe cremos debe presidir este proceso. Xa que se nos quere remitir en concreta nesta demanda a un informe de secretaria municipal fágalle a seguinte pregunta: prohibe a lei de réxime local facilitar copia de documentos aos concelleiros? Esixe a Lei que teñan que tomar nota a man da documentación?

Estas son as primeiras cuestións que ao referirnos ao PXOM se nos suscitan e que consideramos preciso facer constar diante desta comisión.

 

(Nota do 28/11/2007)

O BNG de Rianxo apoia o POS de 2008 con matices

O Bloque Nacionalista Galego de Rianxo veu aprobados os seus puntos no pleno extraordinario do martes 27. Pero quere facer estas precisións:

  1. 1.- Imos demandar ao longo desta lexislatura que comeza a elaboración pormenorizada dun Plan Director de Infraestruturas Viarias e Equipamentos para a localidade na que se contemple o estado actual da rede de estradas e camiños municipais. Neste documento contemplaríanse tamén, ademais dun diagnóstico da situación actual, criterios de execución de obras, estabelecendo prioridades e obxectivos a catro anos vista con propostas de actuación, para non ir anaco a anaco, parche a parche e poidamos así consensuar nesta corporación un plan ambicioso a medio prazo. Estamos convencidos que se pode facer e que resultaría de maior eficacia. Entre outras evitar que o que hoxe se asfalta en frío se licite o ano próximo en quente estragando cartos públicos.

  1. 2.- Queremos ademáis que, de optar pola contratación das obras a empresas alleas ao concello, que o conxunto das obras sexan licitadas mediante subhasta ou concurso con procedimento aberto, un proceso realmente transparente, coa inclusión do correspondente anuncio en boletíns oficiais e prensa, do conxunto das obras. Xa sabemos que tamén pode ir a un procedemento negociado pedindo tres orzamentos ás empresas que vostede considere, mais non negará que é moito máis transparente o que nós propoñemos: subhasta pública ou concurso aberto, con publicidade. Se a Brigada Municipal non o pode realizar e hai que acudir a outras empresas, prime a transparencia na súa escolla.

3.- Por último e xa que o mencionamos enriba somos partidarios de que se empregue, aínda que iso supoña aumentar a contribución municipal, capa asfáltica en quente, na Burata mais que ir tapando os remendos.


(Notas do 26/11/2007)

Protección nunha obra en Insuela (Palmeira)

LUÍS TEIRA PARADA, Concelleiro do Grupo Municipal do BLOQUE
NACIONALISTA GALEGO (BNG), neste Concello, presenta a seguinte solicitude ante o
Pleno da Corporación Municipal e ante o Alcalde en relación coa demanda do arranxo do
valado protector nunha obra en Insuela-Palmeira.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
No lugar de Insuela en Palmeira hai unha obra na que se están construíndo
vivendas xusto en frente do porto.
Coa chuvia e vento dos pasados días corréronse as terras dun camiño lindante coa
obra o que provocou o derrube de parte do valado metálico que rodea a nomeada
construcción. Como dende a obra se excavou con profundiade o camiño quedou elevado
xerándose un desnivel de varios metros de altura xusto pegado ao camiño público co risco
que pode supor para os viandantes que transiten por ese lugar.
A situación ten especial gravidade xa que é un camiño moi preto de casas e dun
establecemento hoteleiro.
Polo tanto o Grupo Municipal do BNG
SOLICITA:
Que o concello de Ribeira inste á empresa promotora da obra á que de xeito
inmediato arranxe o valado protector e acondicione o camiño tal como estaba.
Ribeira, 24 de Novembro de 2007


Fondo de emerxencia para mulleres maltratadas

O BNG solicita, diante da Corporación Municipal, que se cree un fondo de emerxencia, contemplando no orzamento unha partida específica para tal fin, que sirva para atender os casos de mulleres en situación de violencia de xénero do concello que de maneira urxente necesiten recursos.

O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, é unha data para a denuncia, para a concienciación social, e para avaliar os avances que se teñan dado e anticipar novas liñas de actuación.

Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero son pasos necesarios para loitar contra este fenómeno. A Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero é un instrumento para unha nova abordaxe da violencia de xénero no ámbito galego co fin de conseguir unha verdadeira realización do principio de igualdade entre mulleres e homes, porque un dos obxectivos prioritarios de toda sociedade democrática é a igualdade entre os homes e as mulleres e unha clara expresión da desigualdade é a violencia de xénero.

A sociedade galega non debería aceptar ningunha forma de violencia de xénero, e as institucións locais teñen que tomar consciencia e responsabilizarse na tarefa de eliminación da violencia exercida contra as mulleres. Tomar consciencia é un paso que hai que dar de modo colectivo, desde o mundo laboral, as institucións, os medios de comunicación, o ensino, etc, máis tamén é un paso que se debe dar de modo persoal e individual.

Para construír unha sociedade baseada nos valores democráticos de igualdade entre mulleres e homes, necesitamos de medidas lexislativas ou contributos desde as administracións públicas, que o BNG leva poñendo en marcha onde ten responsabilidades de goberno, mais aínda é necesario o compromiso social. Este compromiso social constrúese desde a solidariedade persoal á hora de condenar sen paliativos as accións de violencia contra as mulleres, de denuncialas e facer visíbeis as nosas denuncias.

Por iso o BNG desta volta quere chamar tamén á responsabilización e ao compromiso persoal de cadaquén. Os agresores non deben achar respaldo para continuar con “normalidade” a súa vida mentres as mulleres agredidas pasan auténticas dificultades para recuperar as súas vidas. Estas dificultades son moitas e teñen que ver co aspecto económico, laboral, familiar e social.

No momento en que vivimos, onde as mulleres seguen a ser obxecto de maos tratos e moitas perden a vida a mans da súa parella ou ex-parella, non cabe ollar para outro lado, debemos dar a cara todos e todas, e asumir homes e mulleres que coa violencia de xénero non caben medias tintas. Contra a violencia machista debemos actuar todos e todas. Todas e todos somos testemuñas, e podemos escoller entre ser cómplices ou ser persoas solidarias que non imos consentir co noso silencio que se lexitimen condutas violentas contra as mulleres que perpetúan concepcións machistas asentadas en valores patriarcais.

O papel que teñen os concellos nesta loita común é fundamental, xa que poden actuar como ponte de conexión entre as políticas deseñadas a nivel nacional polo goberno galego e a cidadanía, e poden constituírse nun modelo de repulsa para todos os veciños e veciñas dos actos de violencia contra as mulleres, manifestando a súa total condena e proclamando a súa corresponsabilidade na prevención, persecución e denuncia dos casos de violencia machista, así como a atención ás mulleres en situación de violencia de xénero.

As cifras de denuncias e de mulleres asasinadas que se repiten ano tras ano, poñen de manifesto dunha maneira brutal, que aínda non podemos baixar a garda, e que se fai imprescindíbel a implicación de todas as institucións, asociacións e persoas. Sabemos que nos enfrontamos a un problema estrutural, pero este feito non pode converterse nunha escusa para non actuar.

Cómpre pois unha implicación real de todas as administracións no desenvolvemento de actuacións encamiñadas a previr e paliar esta situación. Unha das medidas fundamentais é apoiar as mulleres para que poidan iniciar unha nova vida en liberdade e protexida dos agresores. A creación dun fondo de emerxencia, que sirva para atender os casos de mulleres en situación de violencia de xénero do concello que de maneira urxente necesiten recursos, parécenos un bo comezo.


(Notas do 23/11/2007)

Luces no campo da Fieiteira (Ribeira)

LUÍS TEIRA PARADA, Concelleiro do Grupo Municipal do BLOQUE
NACIONALISTA GALEGO (BNG), neste Concello, presenta a seguinte solicitude ante o
Pleno da Corporación Municipal e ante o Alcalde en relación coa demanda do arranxo das
luces dos campos de fútbol da Fieiteira.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O campo de fútbol de A Fieiteira é unha instalación deportiva municipal que ten
moito uso e demanda por parte dos equipos de fútbol da nosa localidade.
Esta instalación non está sendo o suficientemente coidada, xa que entre as
deficiencias que presenta está o mal funcionamento das luces do campo o que provoca
moitas dificultades para que os equipos poidan adestrar de xeito adecuado. Situación
especialmente grave xa que hai preto de 150 rapaces/zas, moitos de curta idade, que
adestran nesas instalacións.
Coa chegada do inverno, tamén se dificulta o correcto desenvolvemento dos
partidos oficiais xa que a ausencia de luz dificulta tanto xogar o partido como a axeitada
visualización do mesmo por parte do público. Correndo o risco de que os árbitros dos
partidos teñan que suspender os encontros pola ausencia de luz.
Polo tanto o Grupo Municipal do BNG
SOLICITA:
O arranxo inmediato das luces, tanto do campo de céspede natural como o do
céspede artificial, da Fieiteira.
Ribeira, 22 de Novembro de 2007


Páxina anterior: WebPobra.com
Páxina seguinte: BNG