Print This Page

Noticias


Chegan a Galicia os primeiros emigrantes que participan no programa “Volver á terra”

(Vía Xunta.es)
foto cedida pola Xunta

Son 126 galegos procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba e Uruguai. O vindeiro día 18 chegarán outros 60 participantes de Arxentina

O programa Volver á Terra, organizado pola Secretaría Xeral de Emigración en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, quere favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias dos emigrantes galegos de máis de 60 anos


Santiago, 03 de novembro de 2008.- Hoxe chegan ao aeroporto de Lavacolla, Santiago de Compostela, os primeiros participantes no programa “Volver á Terra” que organiza a Secretaría Xeral de Emigración en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e Benestar e que ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias dos emigrantes galegos de máis de 60 anos de idade que nos últimos 15 anos naturais non participaran en programas de viaxe desta secretaría xeral.

O obxectivo é que os participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, como social, gastronómico, folclórico..., poñéndose en contacto coa realidade actual do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias co resto dos participantes.

O programa desenvolverase ao longo de tres meses e terá dúas fases diferenciadas: a primeira delas consistirá no goce de dúas semanas na Residencia de Tempo Libre de O Carballiño (Ourense), desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas aos participantes e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un coñecemento da Galicia de hoxe en día, na que se inclúe unha visita, o día 6 de novembro, a Santiago de Compostela, con percorrido pola cidade monumental e recepción institucional. Tamén visitarán as cidades de A Coruña e Ourense; en canto á segunda fase, esta consiste nunha estadía cos seus familiares de Galicia ata completar un tempo máximo de tres meses.

En total son 186 participantes que chegarán en dúas quendas, 126 no día de hoxe e outros 60 o vindeiro día 18. O grupo total está composto por 127 beneficiarios, 54 deles acompañados polos seus cónxuxes, 4 médicos e 1 coordinador. Por países de procedencia 117 veñen de Arxentina, 49 de Uruguai, 11 de Cuba e 9 de Brasil. O requisito solicitado aos beneficiarios de ter cumpridos os 60 anos de idade dáse en todos os beneficiados do programa, aínda que no seu conxunto a idade media pódese establecer nos 70 anos. Ademais, os maiores son dous participantes, que contan con 89 e 88 anos e residen en Montevideo. Mentres que o mais novo ten 62 anos e reside en Brasil.

Esta mañá chegaron ao aeroporto de Lavacolla 57 participantes procedentes de Arxentina, 9 de Brasil e 48 de Uruguai e pola tarde chegarán 11 de Cuba e 1 de Brasil.

PLAN DE ACTUACIÓN

A Secretaría Xeral de Emigración organiza este programa encargándose de:
- A programación xeral, convocatoria, publicidade e execución do programa.
- A difusión do programa e recepción das solicitudes.
- A selección dos beneficiarios.
- O financiamento da viaxe e posterior regreso ao país de residencia.
- A atención, seguros, animación e programación de actividades durante a estadía na residencia de tempo libre.
Mentres que á Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar, correspóndelle o aloxamento e mantenza dos participantes durante a estadía na residencia de tempo libre do Carballiño e a colaboración na realización de actividades.


Seis mil internautas para "Fillos de Galicia"

14 de agosto de 2008


A COMUNIDADE VIRTUAL "FILLOS DE GALICIA" ACADA OS SEIS MIL MEMBROS

O portal de Internet leva 11 anos xuntando galegos de todo o mundo

Este xoves Fillos.org acadou a cifra de 6 mil usuarios rexistrados conformando así "a maior comunidade galega online do mundo", segundo afirman desde a Asociación Cultural responsable deste e doutros proxectos en Internet dirixidos á diáspora galega. Se se compara coas cifras de afiliados aos centros tradicionais, esta especie de "casa de Galicia virtual" estaría entre as 8 maiores do mundo, coa diferenza de que "pertencer a Fillos é de balde", segundo matizan desde a súa dirección, "e que calquera galego ou galega de nacencia, orixe ou sentimento, de aquí ou de acolá, pode inscribirse, sen facer falta papeis nin ter a nacionalidade".

Nunha tendencia inversa á dos centros galegos tradicionais, este colectivo non para de recibir novos membros. No último ano tiveron un medre superior ao 20% no número de usuarios, e calculan que de manterse a tendencia superarán os 10 mil usuarios de aquí a 2 anos. Tal e así que están embarcados nunha "imprescindible" ampliación dos seus recursos humanos, traballadores e voluntarios, para poder xestionar o servizo "nas condicións que precisan os nosos usuarios". "O que máis falta nos fai é dispor dun local onde podermos realizar o noso traballo: unha pequena oficina", reclama o seu secretario, Manuel Casal Lodeiro. Os labores técnicos  realizábanse ate o ano pasado desde Barakaldo, no País Vasco, pero decidiron abrir unha delegación en Compostela para poder estar máis en contacto coa administración e coa rede cultural do país. Esta entidade sen ánimo de lucro está á procura "dalgunha institución que nos axude cedéndonos un espazo, xa que os nosos ingresos sonmoi limitados e pagar un aluguer é un gasto adicional, pero de momento non tivemos resposta positiva", polo que insisten en solicitar o apoio de entidades galegas, públicas ou privadas, para poder poñer en marcha esta nova oficina técnica en Galicia desde a que seguir espallando cultura e galeguidade pola Rede:

"É unha necesidade urxente porque queremos conformar un novo equipo humano para se encargar da xestión e programación informática e non temos un lugar axeitado desde onde traballaren".


A partir de Fillos.org fóronse creando outros sitios web, sempre co obxectivo de unir no mundo virtual, en igualidade, aos galegos "de Galicia" e aos do exterior. Entre os últimos proxectos postos en marcha en Internet por esta asociación están eTIqueTAL.com (un web para "mocear" en galego), Debulla.info (un xestor compartido
de "links" favoritos) e Nomes-Galegos.info (unha enciclopedia de nomes propios galegos de home e de muller).

 

Empresarios en Arxentina


Osvaldo Méndez e María Xosé Porteiro


A Asociación de Empresarios Galegos en Arxentina (AEGA) inaugura sede propia e convoca o I Encontro Nacional para o mes de outubro

Avanzouno o seu presidente, Osvaldo Méndez, nun encontro coa prensa xunto á Delegada da Xunta de Galicia en Buenos Aires, María Xosé Porteiro

Segundo anunciaron, o I Encontro de empresarios galegos en Arxentina celebrarase os días 17 e 18 de outubro en Mar del Plata coa presenza de autoridades da Xunta de Galicia e do Presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla

AEGA conta na actualidade con preto de cen socios e traballa para crear unha “rede de empresarios” galegos en Arxentina con filiais en todo o país

María Xosé Porteiro comprometeu a colaboración da Delegación da Xunta no fortalecemento desta rede para contribuír á “internacionalización das empresas galegas”

Nesta liña, Porteiro tamén avanzou que está a traballar en colaboración en materia de turismo, pesca e enerxías renovables coa Secretaría de Promoción de Investimentos, Exportacións e Cooperación Internacional da Provincia de Buenos Aires

Buenos Aires, 23 de xullo de 2008.- O presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Arxentina (AEGA), Osvaldo Méndez, vén de anunciar nun encontro coa prensa xunto á Delegada da Xunta de Galicia en Buenos Aires, María Xosé Porteiro, que a súa entidade dispón xa de sede propia e que están a organizar o Primeiro encontro nacional de empresarios galegos en Arxentina para o mes de outubro co gallo de crear unha “rede” ampla e variada con filiais en todo o país.

Segundo indicou Méndez, a nova sede de AEGA permitirá ampliar os espazos e servizos de asesoramento legal e económico que agora mesmo está a prestar aos preto de cen asociados e avanzar na consecución dunha “rede de empresarios” galegos en Arxentina.

Neste sentido, anunciou a celebración, os vindeiros 17 e 18 de outubro de 2008, do Primeiro encontro nacional de empresarios galegos na cidade de Mar del Plata, no que participarán destacadas autoridades da Xunta de Galicia e que contará tamén coa presenza de Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. O encontro, organizado por AEGA, contará coa colaboración da Fundación Galicia Emigración e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

A este foro poderán acudir todos aqueles empresarios, comerciantes, profesionais e industriais interesados en formar parte da rede de AEGA, formalizando a súa inscrición na entidade ou na páxina web www.aega.com.ar. Segundo avanzou Méndez, este encontro contará coa declaración de interese municipal e provincial e contará co respaldo das autoridades de Mar del Plata, da Provincia de Buenos Aires e do Goberno da República.

Apoio da Delegación á internacionalización das empresas galegas

María Xosé Porteiro, comprometeu, pola súa banda, a colaboración da Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires neste proceso de fortalecemento de AEGA para contribuír á “internacionalización das empresas galegas. “Dirixímonos á colectividade para pedirlles que se identifiquen e se incorporen á experiencia de traballo en rede que está a propoñer AEGA”, manifestou. Para Porteiro, este intercambio beneficiará aos empresarios de xeito individual, como colectivo en Arxentina e á sociedade galega no seu conxunto.

Nesta liña de traballo dende a representación oficial do Goberno galego en Arxentina, a Delegada da Xunta informou que se está a traballar activamente na creación de espazos de intercambio e colaboración coas institucións do país austral. Concretamente, sinalou os contactos que se están a manter coa Secretaría de Promoción de Investimentos, Exportación e Cooperación Internacional da Provincia de Buenos Aires en materia de turismo, pesca e enerxías renovables.

 

Uruguai e as Sociedades Galegas


A Secretaría Xeral de Emigración colaborará coa a Unión de Sociedades Galegas de Uruguai no funcionamento da oficina de información e asesoramento

Ambas entidades asinaron hoxe en Montevideo este convenio polo que a Secretaría de Emigración aportará 18.000 €.

Esta oficina entrou en funcionamento no ano 2007 co apoio da Secretaría Xeral de Emigración e presta servizos de información e asesoramento sobre os programas que desenvolve Emigración

Santiago, 22 de xullo de 2008.- O Secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, asinou hoxe no Centro Pontevedrés de Montevideo un convenio de colaboración coa Unión de Sociedades Galegas de Uruguai polo que financiará con 18.000 € a oficina de información e asesoramento que esta entidade ten en funcionamento na súa sede.

Esta oficina ten como finalidade a prestación de servizos de información, difusión, asesoramento e outras actividades complementarias da xestión de todo tipo de programas e accións levadas a cabo anualmente pola Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia e entrou en funcionamento no ano 2007, grazas ao apoio da Secretaría que dirixe Manuel Luís Rodríguez.

A Unión de Sociedades Galegas nace no ano 1984 como unha corrente que intenta propiciar a coordinación de esforzos e a integración das institucións galegas do Uruguai. Na actualidade, esta entidade está a desenvolver unha importante labor cultural, social e asistencial a favor dos emigrantes galegos e dos seus descendentes. Neste ámbito, nos últimos anos, apreciouse un importante crecemento da demanda de información sobre todo tipo de programas desenvolvidos anualmente pola Secretaría Xeral de Emigración polo que no ano 2007 se decidiu poñer en marcha unha oficina que centralizase toda esta información.

 

Retorno de emigrantes, a menos

 

O retorno de emigrantes a Galicia continúa en liña descendente e continúan a ser máis os que regresan dende Europa que os que retornan dende América


Galicia recibiu en 2007 a 6.203 retornados, dos que 3.907 chegaron dende Europa, continente do que proceden o 63% dos que regresan


Suíza, con 2.366 retornados, é o país que máis emigrantes devolve a Galicia


O fenómeno do retorno, ben sexa a Galicia ou ao resto do Estado, está a diminuír dende o ano 2002


Santiago, 18 de xullo de 2008.- Segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, no ano 2007 retornaron a Galicia un total de 6.203 emigrantes fronte aos 6.343 do ano 2006 o que supón un descenso porcentual do 2.21% con respecto ao ano pasado.

No ano 2007 Galicia ocupa o segundo posto en volume de retorno despois da Comunidade Autónoma de Madrid, sen embargo segue a ser a primeira comunidade cunha maior proporción de emigrantes retornados respecto á súa poboación. Así, concretamente no ano 2007, o retorno a Galicia supón o 17.66% do total do retorno a nivel estatal.


A evolución do retorno á nosa Comunidade Autónoma dende o ano 2000, cun total de 60.609 emigrantes retornados, reflicte un descenso na cifra anual a partir do ano 2003. Así, respecto do ano 2002 no que se produciu o maior volume de retornos á nosa comunidade (10.050) o descenso no ano 2007 é do 38%.


Segundo apunta o Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, “estas cifras confirman que o retorno continúa diminuíndo na nosa Comunidade Autónoma e ademais de producirse unha diminución no número total de retornos, as cifras por países tamén experimentan lixeiros descensos, salvo nos supostos concretos de Suíza ou Venezuela, nos que as cifras de retornos se manteñen estables con respecto ao ano pasado”.


A provincia de A Coruña continúa destacando como a que máis emigrantes retornados recibiu tamén no ano 2007 (2.819) seguida de Pontevedra (1.884), Ourense (1.117) e finalmente Lugo (383).


Principias países de retorno da emigración galega

É importante subliñar, que se ben no ano 2004 Sudamérica era o lugar de procedencia da meirande parte dos/as emigrantes retornados/as a Galicia, no ano no 2005 prodúcese un cambio de orientación neste fenómeno, que continúa e vai en aumento no 2006, manténdose practicamente estable no 2007. Así, a maioría dos/as emigrantes retornados a nosa Comunidade proceden de países de Europa, cun total de 3.907 emigrantes retornados/as a Galicia. Isto supón o 62.99% sobre o total fronte o 64,59% do 2006 e o 56.32% do ano 2005 e (sete puntos porcentuais máis)


En canto aos principais países de retorno, no ano 2007 Suíza volveu a ser o país do que mais emigrantes retornaron no ano 2007, chegando case a triplicar coas súas cifras a Venezuela, país que ocupa o segundo lugar.


Suiza

Tal e como aconteceu no ano 2006, o principal pais de orixe dos/as emigrantes que retornaron a Galicia durante o ano 2007 continúa a ser Suíza con un total de 2.366 retornos o que supón o 38.14% sobre o total. Comparando estes datos cos do ano 2006 (2.366 retornos) pode observarse que o retorno deste país mantense case na mesma cifra que o ano atrás. A evolución do retorno procedente deste país europeo permítenos concluír que non se produciron cambios importantes nos últimos anos, agás o descenso experimentado no ano 2004. A cifra deste ano é practicamente coincidente coa do ano pasado.


Venezuela

O país que ocupa o segundo lugar en canto a número de retornos a Galicia é Venezuela, con 795 emigrantes retornados no ano 2007, o que representa unicamente o 12, 82 % do volume de retornos sobre o total. A cifra incrementouse con respecto ao ano anterior unicamente en 69 emigrantes retornados mais procedentes deste país.


É importante observar que a cifra de emigrantes retornados/as procedentes de Venezuela experimentou un importante descenso nos últimos anos, pasando dos 1.996 retornos no ano 2003 aos 726 no ano 2006, o pequeno incremento deste ano permite concluír que a cifra mantense practicamente estabilizada en relación co ano pasado. Así, mentres no ano 2003 os/as emigrantes retornados/as de Venezuela supoñían o 22,69 % sobre o total dos retornos, no 2004 esta porcentaxe foi do 19,47 %, descendendo ao 13,98% no 2005, ao 11.45 % no 2006 e 12,82% no 2007.


Estes datos confirman, segundo apunta o responsable de Emigración da Xunta de Galicia, que “non se está a producir un retorno masivo dende Venezuela a pesar das dificultades polas que está pasando o país, en contra do que especulaban as voces máis pesimistas”


Arxentina

Tamén é moi significativo o importante descenso no número de retornados/as galegos/as procedentes de Arxentina. Segundo apunta o Secretario de Emigración “a crise económica e social experimentada por este país no ano 2002 deu lugar a un incremento salientable no número de retornos pero resulta evidente que a situación deste país está experimentando unha mellora que repercute significativamente na diminución do volume de galegos e galegas que retornan de procedencia arxentina”. Así, fronte aos 2.825 emigrantes retornados/as que chegaron a Galicia no ano 2002, no ano 2006 retornaron unicamente 311 galegos/as procedentes deste país latinoamericano, cifra que diminúe este ano a 247 retornos dese país.

Uruguai

Un caso semellante ao arxentino é o de Uruguai. Entre os anos 2002 e 2006 a emigración de retorno procedente deste país diminúe nun 65%, se ben como dato de interese debe reflectirse que o maior descenso no número de galegos retornados de Uruguai prodúcese concretamente no ano 2005 cunha cifra de 289 retornos, o que supón un 44% menos que o ano anterior.


No ano 2007 retornaron 247 emigrantes procedentes dese país


Segundo conclúe Manuel Luís Rodríguez “o fenómeno do retorno a Galicia, como no resto de España, está diminuíndo dende o ano 2002, momento álxido na recepción de emigrantes retornados sobre todo debido ao descenso no volume de retorno de orixe suramericano. En canto a emigración europea esta mantén unha evolución máis constante, con lixeiros incrementos, como no caso suízo durante os anos 2006 e 2007. Isto pode ser consecuencia, entre outros motivos de diversa índole, da chegada á idade de xubilación dunha parte importante dos emigrantes galegos que tiveron como destino Europa, que unha vez rematada a súa vida laboral, deciden regresar ao seu país de orixe.”

 

Uruguay e Argentina


O secretario de Emigración inicia unha viaxe que o levará a Uruguai e Arxentina para reunirse con autoridades dos dous países e manter encontros coa comunidade galega

Manuel Luís Rodríguez inicia mañá en Bos Aires a súa xira, onde asinará un convenio coa Fundación Galicia Saúde e o Centro Galicia de Bos Aires

En Uruguai asistirá á clausura do programa Escolas Abertas e asinará un convenio coa Unión de Sociedades Galegas de Uruguai

Tanto en Arxentina coma en Uruguai o Secretario de Emigración participará nos actos de celebración do día de Galicia


Santiago, 18 de xullo de 2008.- O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, chega mañá a Arxentina, e partirá ao día seguinte cara Uruguai onde permanecerá tres días para regresar de novo a Bos Aires e voltar a Galicia o vindeiro venres día 25 de xullo. A viaxe permitirá manter entrevistas con diferentes autoridades e distintos encontros coa comunidade galega e os representantes do tecido asociativo, coa fin de estreitar os lazos de cooperación institucional por unha parte, e por outra de avaliar, dende a proximidade, a situación dos cidadáns de orixe galega e o funcionamento dos programas sociais da Xunta de Galicia.
A primeira xornada da viaxe estará centrada en Bos Aires onde asistirá á reunión do Padroado da Fundación Galicia e firmará un convenio coa Fundación e o Centro Galicia de Bos Aires. Posteriormente inaugurará as instalacións do centro Calidade de Vida no Centro Galicia.

O domingo, o responsable de Emigración da Xunta de Galicia, trasladarase a Montevideo (Uruguai) onde permanecerá ata o martes día 22. Durante a súa estancia en Uruguai participará na clausura do programa Escolas Abertas, que este ano por primeira vez se celebran fora de Galicia, porá en marcha o programa de recrutamento e formación no exterior da Fundación Galicia Emigración e participará no acto central do mes de Galicia no teatro Solís. Tamén asinará un convenio coa Unión de Sociedades Galegas de Uruguai e manterá varias reunións coa colectividade galega e diversas autoridades uruguaias.
O mércores, de volta a Arxentina, inaugurará a Exposición Nos Mesmos na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires. Ao día seguinte, xoves, acudirá ao Centro Galicia, onde impartirá a conferencia “Galicia ante a encrucillada na procura de unha adecuada comunicación entre o local e o global. Posteriormente inaugurará a Praza Maior do Centro de Galicia e asistirá a cea para celebrar o día de Galicia e o XXIX aniversario do Centro Galicia.

 

 

Bos Aires: control do corazón do Centro Galego

O hospital do Centro Galego e o Centro Galicia de Buenos Aires poñen en marcha un programa de control do risco cardiovascular e de promoción de hábitos de vida saudables

A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, asinou esta mañá o convenio que se levará a cabo a través da Fundación Galicia Saúde, a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, e o Centro Galicia de Buenos Aires

Rubio Vidal destacou que este convenio “verifica a coherencia do Goberno galego ao traballar nas mesmas liñas argumentais en Arxentina que en Galicia”

O orzamento desta iniciativa ascende a 35.000 euros aportados pola Secretaría Xeral de Emigración e beneficiará aos galegos residentes en Buenos Aires

A conselleira de Sanidade salienta que por vez primeira os dous grandes centros da colectividade galega en Buenos Aires se alían en beneficio dos seus asociados e asociadas

Buenos Aires, sábado 19 de xullo de 2008.- A conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia, María José Rubio Vidal, asinou hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun programa de atención á calidade de vida destinado ás persoas de orixe galegos e aos seus descendentes en Buenos Aires. Os encargados de ratificar esta iniciativa foron ademais de Rubio Vidal en representación da Fundación Galicia Saúde, o secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez González, e o presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, Héctor Fernández Álvarez.

A conselleira de Sanidade do Goberno galego supón “un importantísimo paso para a colectividade galega” ao aliarse por vez primeira os dous grandes centros da colectividade galega en Bos Aires “nunha alianza que me atrevo a dicir que será a primeira doutras moitas actuacións que sen dúbida van a poder desenvolverse grazas a este precedente”, dixo Rubio Vidal.

O convenio permite desenvolver un programa para o control e corrección dos factores de risco cardiovascular e a promoción de hábitos de vida saudables. María José Rubio Vidal explicou que este convenio é similar “ás que estamos desenvolvendo en Galicia para os galegos de alá”, e en concreto referiuse á iniciativa que se está a desenvolver en Galicia de Concellos saudables, “e no que a Dirección Xeral de Saúde Pública cofinancia as actividades lúdicas, formativas, deportivas, e grupais para mellorar os hábitos saudables da cidadanía galega”.

Para Rubio Vidal “tanto nun caso como noutro, a filosofía é a mesma: mellorando os hábitos saudables combátense as malas prácticas alimenticias, redúcese o sobrepeso, e reactívase a circulación sanguínea; polo tanto, se adoptamos actitudes vitais saudables implicitamente desbotamos as insalubres, o que permite non só vivir máis anos, senón que ese tempo teña calidade, así non só engadimos anos á vida, senón vida aos anos”.

Por isto, a conselleira de Sanidade destacou que este convenio “verifica, dunha banda, a coherencia do Goberno galego ao traballar nas mesmas liñas argumentais en Arxentina que en Galicia; e por outro lado, porque estamos a traballar mellorando as condicións de vida de todos os galegos e galegas, independentemente do seu lugar de residencia”. Nesta liña, Rubio Vidal incidiu en que a Xunta de Galicia realiza estas actuación “non en busca de réditos electorais, senón polo convencemento de que temos a obriga de atender a toda a colectividade galega, en igualdade de condicións, e fuxindo das críticas fáciles e das dádivas para uns poucos”.

O orzamento total desta iniciativa ascende a 35.000 euros que aporta a Secretaría Xeral de Emigración. Esta cantidade distribúese en 25.000 euros que serán xestionados pola Fundación Galicia Saúde para seleccionar e contratar ao equipo humano que desenvolve o proxecto (persoal médico, nutricionista e persoal de enfermería para beneficiar ata a cen pacientes); e para elaborar o protocolo para incluír neste programa aos pacientes galegos ou descendentes de galegos que presentes factores de risco ou padezan enfermidades cardiovasculares. A Fundación Galicia Saúde, a través do Hospital do Centro Galego de Bos Aires, tamén levará o control destes pacientes así como a rehabilitación cardiovascular e pulmonar nos pacientes que teñan a enfermidade diagnosticada.

Por outra parte, o Centro Galicia de Buenos Aires contará cun orzamento de 10.000 euros, e será o encargado de poñer a disposición do programa as instalacións deportivas para a realización de programas proactivos, o profesor de educación física, e tamén de realizar o deseño de material gráfico e electrónico necesario así como unha campaña de divulgación masiva para dar a coñecer esta iniciativa.

 

Novo número de "Nexos", a conexión suíza

Vén de saír á rúa o novo número da revista Nexos (Crónicas Helvéticas e Nexos Hispanosuizos), que ten unha tirada de 3.000 exemplares que se distribúen case directamente entre suscriptores (socios de asociacións suízas, xornalistas, políticos, escritores, artistas, os deputados e senadores) e  o que resta, mil exemplares, a través da embaixada suíza e consulados de Suiza en España
e os postos de atención ao público de Swiss Air.


Que atoparán neste número? Aínda que se ve pouco na imaxe, unha entrevista coa presidenta da Confederación Helvética en 2007, Micheline Calmy-Rey; un especial sobre turismo, tanto en Suiza como en España; a historia de Suiza dende 1946 ao 2000; o sinal de identidade suizo para a saúde, que é o queixo... e moitas cousas máis. Ten unha sección de Arte que xa quixéramos nós (con Beat Kriemler neste número e con Etienne Krähenbül). É unha revista moi coidada, nas formas e nos contidos. Paga a pena botarlle unha ollada.

A grande sorte é que tamén confían nas novas tecnoloxías e pódese descargar a revista en PDF dende a web da Asociación Económica Hispano Suiza. Se a quere ler, só ten que ter instalado o Acrobat Reader no seu ordenador e premer aquí.

 

FILLOS.ORG pide "implicación urxente dos galegos"


O portal leva 10 anos facendo de 'ponte' entre Galiza e a Diáspora pero só conta con 49 socios cotizantes



Malia ser o principal referente da nosa emigración na Rede con case 5.400 usuarios rexistrados e máis de cen mil visitas cada mes, a Comunidade Virtual de Fillos de Galicia quéixase dun escaso apoio social. Este apoio cuantifícano mediante o que denominan "o Compromisómetro", un contador que na portada do seu web marca en tempo real a relación entre afiliados (socios) e usuarios (membros), e que actualmente está por baixo do 1%.

Manuel Casal Lodeiro

"Queremos chegar aos 100 socios, penso que é unha cifra modesta: non chegaría ao 2% pero suporía un medre vital para nós", explica Manuel Casal Lodeiro, secretario da Asociación e xestor técnico do portal. A situación económica dos países onde residen a maioría dos usuarios que desfrutan dos contidos culturais e servizos que fornece o portal, fai impensable cobrarlles a todos eles "e iso ademais traizoaría a filosofía coa que naceu Fillos", engade o seu responsable. Por iso fan un chamamento á solidariedade dos galegos que residen en España ou en países con mellores condicións económicas, para que achegando os 30 euros da cota anual, "se solidaricen e apoien o noso proxecto. Aínda que nos vale máis o seu feito de se sumaren á asociación como galegos  comprometidos activamente co noso labor, que a contía económica das cotas", aclara Casal Lodeiro.


O obxectivo de chegar aos cen socios ten unha data límite: o vindeiro 21 de Xaneiro, cando comezarán a que será a súa oitava asemblea xeral, que tamén se celebra online como case todas as actividades do colectivo. Nesa asemblea hase decidir a continuidade do proxecto en función da implicación acadada de persoas que queiran darlle novos azos a este centro galego online que con só dez anos de historia xa é o oitavo do mundo en número de participantes. Segundo xustifican desde Fillos, "Internet é unha oportunidade histórica para recuperarmos as ligazóns entre as dúas Galizas, e a nosa Asociación é o referente principal neste novo medio. Pero con apenas 50 persoas que a formamos desde hai anos non podemos soster unha responsabilidade que non deixa de medrar". En Afiliate.fillos.org publicaron toda unha serie de informacións de utilidade para os interesados, presididas por unha animación moi explícita sobre a súa situación.

Máis información:
·Entrevista con Casdeiro en PlanetaGalego.info:
http://www.degalicia.org/planeta-galego/index.php?name=News&file=article&sid=314
·Revista histórica de prensa sobre Fillos: http://naprensa.fillos.org
·Notas de prensa: http://notas.fillos.org
·Fillos.org en cifras:  http://www.fillos.org/fillos/estatisticas

 

Recursos para emigrantes y exiliados

En este mes de diciembre de 2007 en que el presidente de la Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, está realizando viajes por países donde viven muchos exiliados, emigrantes y descendientes de éstos (Cuba y México sobre todo), recordamos a los que puedan estar interesados que en Internet hay dos webs con muchos recursos para los gallegos en el exterior.



Se trata, en el caso de los exiliados, de http://www.exiliados.org, una página sumamente interesante para los emigrantes de Francia y México, aunque a cualquiera con un mínimo de conciencia histórica le puede proporcionar mucha información. El apartado de "Enlaces" es muy recomendable.


En el caso de los emigrantes, el Ministerio de Trabajo y Asuntos Sociales, por medio de su Secretaría de Estado de Emigración e Inmigración, sostiene el Portal de la Ciudadanía Española en el Exterior, cuya web es http://www.ciudadaniaexterior.mtas.es/

En ella se recogen las pensiones por ancianidad, los subsidios a "Niños de la Guerra" y las diversas actuaciones que desde el Gobierno de España se vienen realizando en pro de los ciudadanos españoles en el extranjero y sus descendientes. También hay noticias de actualidad sobre este colectivo, puntos de encuentro, asociaciones y agenda de teléfonos y direcciones de entidades que luchan por sus derechos.

 

Cátedra en México

Segundo se publica na web da Xunta de Galicia o 11 de decembro, "Pérez Touriño confía en que a Cátedra de Lingua, Literatura e Cultura galegas que se creou hoxe na UNAM se constitúa como “foco activo de traballos, investigacións e actividades”.

O titular da Xunta asinou, xunto co reitor da Universidade Nacional Autónoma de México o convenio para a creación desta cátedra extraordinaria. O obxectivo é difundir os avances do coñecemento sobre a lingua galega nas áreas das letras, as humanidades, as artes e as ciencias sociais. Touriño remarca que coa UNAM son xa 45 os centros de estudos galegos no mundo, 11 deles en 7 países de América, incluído Estados Unidos. Lembra que é lingua de uso oficial no Consello da Unión Europea e que el foi o primeiro presidente da Xunta que a empregou nas institucións europeas. Asevera que a España de hoxe sería “inconcebible sen a diversidade lingüística e cultural que a ten convertido nun dos seus máis ricos e distintivos sinais de identidade”.

O máximo mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, amosouse confiado en que a Cátedra extraordinaria de Lingua, Literatura e Cultura galegas que se creou hoxe na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) se constituirá nun foco activo de traballos, investigacións e actividades de cuxos resultados, aseverou, “poderemos enorgullecernos por igual a Xunta de Galicia e esta prestixiosa universidade”. Así o sinalou logo de asinar, xunto co reitor desta institución académica mexicana, José Narro Robles, o convenio de colaboración entre o Goberno galego e a UNAM polo que se crea esta cátedra de lingua galega, que pretende difundir os avances do coñecemento sobre a lingua galega nas áreas das letras, as humanidades, as artes e as ciencias sociais.

Segundo o acordo rubricado hoxe o obxectivo é que desde a cátedra extraordinaria se deseñen actividades docentes con valor curricular nas distintas carreiras que se impartan na facultade ou Instituto de Investigacións Filolóxicas de México; que se impartan seminarios para os estudantes de doutorado e se valore a posibilidade de impartir cursos preparatorios para os exames de certificados de lingua galega. Xunto con isto, organizaranse outras actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas, tales como conferencias maxistrais, seminarios, congresos, cursos, coloquios, mesas redondas ou exposicións.

Emilio Pérez Touriño resaltou a importancia da sinatura deste acordo e agradeceu que a Universidade Nacional Autónoma de México se sume ao recoñecemento e ao interese pola lingua, a literatura e a cultura propias de Galicia.

Importancia da lingua galega

Na súa intervención, o xefe do Executivo autonómico tamén fixo un breve repaso pola historia da lingua galega, desde a súa orixe como dialecto do latín, pasando polo “glorioso florecer” literario en tempos medievais ata os séculos escuros, “de prostración e abandono” que só empezaron a clarexar cando Rosalía de Castro decidiu facer súa a lingua do pobo, a lingua na que o pobo galego “ría, amaba, choraba e soñaba”. Unha lingua que, explicou Touriño, volve sufrir o “golpe da intolerancia e a guerra” pero que a partir de 1977, coa restauración da democracia e do autogoberno de Galicia “volve a expresarse en liberdade, a fortalecerse e a dar os seus mellores froitos”.

“A lingua galega estúdase hoxe, xunto co español e o inglés, en todos os centros escolares de Galicia e nela cúrsanse, así mesmo, a metade das materias escolares”, indicou, lembrando que segue a ser a máis falada e de cotío empregada pola meirande parte da poboación, que é lingua “de uso común” nas universidades galegas e que, coa UNAM, son xa 45 os centros de estudos galegos no mundo, 11 deles en 7 países de América, incluído Estados Unidos.

“O galego é lingua de uso oficial no Consello da Unión Europea e eu mesmo tiven o privilexio e o honor de ser o primeiro presidente da Xunta de Galicia que fixo uso do noso vello idioma románico nas institucións europeas”, salientou Touriño, lembrando que é ao tempo “unha porta aberta de par en par” ao portugués, idioma ao que está unido pola súa orixe común e co que mantén grandes similitudes de léxico e sintácticas.

Por último, o presidente da Xunta destacou o feito de que a lingua galega, xunto co catalán e co vasco, estean hoxe recoñecidas na Constitución como “linguas españolas que gozan de estatus oficial, xunto co castelán, nas comunidades nas que se empregan”. “Non sempre foi así –lembrou-, pero o certo é que a España de hoxe sería inconcibible sen esa diversidade lingüística e cultural que a ten convertido nun dos seus máis ricos e distintivos sinais de identidade”, concluíu ao respecto.

 

Un ribeirense emigrado a USA fundou ADIRE

Asociación na Defensa dos Intereses dos Residentes Españois: iso é o que significa Adire. Púxoa en funcionamento Manuel Domínguez III cando chegou a Estados Unidos e se decatou dalgunhas necesidades dos emigrantes españois. Unha das súas loitas fundamentais foi a da dobre nacionalidade para os fillos dos emigrantes nacidos fóra. Agora, xa de volta en Galicia, está poñendo en marcha o proxecto "La voz de la emigración". Máis información sobre as súas funcións, traballos e propostas, nesta web.

 


Páxina anterior: Cartas do lector
Páxina seguinte: Elecciones Americanas