Samuel Lema
Ante a concesión do XV Premio de Creación Literaria e Ensaio que convoca a Universidade da Coruña, na modalidade de poesía en galego, repoñemos esta entrevista que lle fixemos aló por febreiro a Samuel Lema París.
Web da Facultade de Filoloxía en Coruña

Samuel Lema, blogueiro de Muros:

"Vese que dentro non me colle todo e teño que vomitalo"
Inclasificable. O blog de Samuel Lema (http://pira.blogia.com) poderíase clasificar así: perdoen a nosa incompetencia, máis que contrastada. Determinadas categorías que el mesmo emprega poderían axudar a etiquetalo: "pallas mentais", "esbardalle", "tontadas", "os meus tolos". Ben, poñamos que tolería é unha verba que lle acae ben a esta interesantísima bitácora. Falamos con el, vía correo electrónico, e isto foi o que nos saiu (versión sen editar, non é o mesmo que se pode ler na edición impresa ou en pdf)

A qué obedece o nome do blog? Pira de fuga ou pira de lume? Ou somos demasiado lóxicos?
- Boas, pois o tema vén dun alcume que tiña en idade adolescente (hai quen pensa que sigo en ela). Vén de "Pirado", de estar tolo. Non era un gran alcume, realmente.
Naceu por algo en especial? Como proxecto para algo ou para disfrute teu simplemente?
- Naceu por sinxelo aburrimento, para ir colgando algúns dos meus abortos líricos e todo aquilo que se me pasase polo bulbo raquítico: citas de cancións ou textos que penso interesantes polo que sexa, entrevistas ás persoas que me rodean, concursos (cada un de máis dubidoso gusto que o anterior), indirectas facilmente descifrables, resumes de noites sumidas no alcol e nas drogas brandas e cousas polo estilo. A quen lle guste, ben; a quen non lle guste, case mellor.
Actualizas cada pouco, e non só con textos, tamén fas fotomontaxes e ás veces subes cancións: canto tempo lle adicas a Pira?
- Pois non tanto. O tema, a verdade, vai máis por espasmos. Antes non tiña internet na casa e ía todo máis aos poucos e agora, cousa que se me ocorre, cousa que poño. O meu criterio selectivo é nulo e a autocensura é mínima.

A sección "Pallas mentais" recolle momentos de creatividade excepcionais, pero "Esbardalles" tamén, e as outras: como fas para clasifica-la túa escrita ou os teus pensamentos?
- En "Pallas mentais" coloco o que considero como poesía, en "Esbardalle" adoito cargar contra calquera cousa e "Tontadas" sírveme como un aquí-vale-todo onde colgo case calquera cousa. É a mellor clasificación do mundo? Non. Impórtame? Teño setenta e catro problemas e ese non é un.
A música ten un papel importantísimo en "Arrepentirme podería ser algún tipo de arte": canto tempo lle adicas á esta arte? tes grupo ou tocas nalgún?
- En calquera cousa que fago pódese entrever a presenza da música (dito así queda fatal, pero a idea vai por aí). Pois o tema é que me paso todo o día e toda a noite escoitando música, non podería tirar para adiante nin para atrás sen ela.
En canto a proxectos musicais, despois do aborto do proxecto dos "Kenodí?!" (http://kenodi.blogia.com), agora estou metido nun grupiño de ska recén parido, Skaiola Borrokal (http://www.myspace.com/skaiola), no que berro, desafino e arrastro o pulmón. A idea é pasalo ben e facer terrorismo musical.

Por suposto, tamén les moito (sen bibliotecas non serías ninguén, dis): escribir este blog é unha saída a todo eso que les e escoitas? para dixerilo mellor e compartilo con máis xente?
- A idea é un pouco esa, vese que dentro non me colle todo e teño que vomitalo. É como unha terapia gratuíta. De todos xeitos, que un xornal como o voso recollese o tema do concurso de nomes para películas porno demostra que o mundo funciona e segue tendo interese seguir vivo. Se nalgún momento o blog serviu para que alguén descubrise que lle gustaba algún grupo, algún escritor ou que descubrise que non lle gustaba, paga a pena.
Outra cousa non haberá no teu blog, pero liberdade de expresión nunca falta: cres que o que ti dis só se pode decir en Internet?
- Realmente nunca busquei outras moitas canles de expresión. Pero dende logo que Internet permite comunicar dun xeito directo aquilo que un pensa e no ton que un cre preciso, aínda que despois vexamos como se produce algún que outro ataque á posibilidade de queixarse ou mesmo de blasfemar de xeito gratuíto. Un saúdo dende aquí a Yolanda Castaño
"Neste estado a clase política vive sumida na merda máis podre: máis poesía!"
Hai quen di que todo é política, e no teu blog hai moitas opinións políticas: sobre a lingua, sobre a industria cultural... consideras que a Rede é un bo lugar para a batalla política, agora que veñen eleccións? ou que aínda non hai xente conectada dabondo en Galicia para que se note algún efecto nos votantes? Cres que o teu programa de 47 puntos acadaría moitos votantes ou non che importan as eleccións tal e como están deseñadas?
- A rede, penso, de momento segue sen ter a capacidade manipuladora (se falamos de eleccións non falamos de ideas políticas, falamos de manipulación do electorado como método para a obtención do poder) que poden ter outros medios de comunicación, que chegan á xente dun modo moito máis directo. Penso que, de momento, ten moito máis valor para a organización política e para o encontro de persoas en torno a unhas mesmas ideas, pero non penso que chegue a ser un factor á ter en conta a nível electoral.
Con respecto ao meu programa político, se calquera partido político levase a cabo algún dos seus puntos veríame na obriga de votalo en troques de acabar limpándome o cu coas papeletas, como vexo que acabará pasando. Pero neste estado a clase política vive sumida na merda máis podre. Máis poesía e menos rotondas!
Que opinión tes do xornalismo que se fai en Galicia?
- O xornalismo en Galiza non deixa de ser como en calquera outra parte. Segue sendo un elemento tremendamente importante, pero case sempre ligado a unha causa de tipo político ou económico. Poucos son os medios que escapan a esta verdade. E iso está mal? Non, pero hai que ser o suficientemente crítico con todo aquilo que nos chega dos medios e tamén pensar en qué é aquilo que non nos chega.

E da política cultural do actual bipartito?
- A política cultural actual parece seguir sumida no mesmo medo de sempre a ser país. Certo que se teñen dado certos pasos, como a creación da Rede de Locais de Ensaio, por exemplo, que penso que debería gozar de unha maior difusión por toda a xeografía, e que en comparación coa política cultural do anterior goberno tense avanzado de xeito importante, pero de seguro que se poden realizar moitos máis esforzos. Para comezar, até que o marco xurídico do galego se equipare ao do castelán o país seguirá tendo que avanzar nesa fronte.
A cultura en Galiza penso que está a vivir un estado de graza, ao marxe do amparo institucional. Por poñer un exemplo, a nível musical ou literario, nunca se creou tanto, se difundiu dun xeito tan enorme e con tanta calidade. Pero, coma sempre, dependeremos do maldito Xacobeo para que cheguen grandes eventos ao país.

Vas pasar o Antroido en Muros? Alguén leu as túas opinións sobre a organización e mellorouna?
-Pois irei pasar o Entroido a Muros, si. Nunca é mal tempo para desfacer o fígado un pouco. E en Muros preferimos dicir "desorganización", porque de colocar a catro membros de protección civil cun mono laranxa a haber organización, dista moito.
Xa para rematar, e se queres, claro: o libro que máis che impactou nestes últimos tempos, o disco ou tema que máis che gusta agora mesmo -valen varios, non te cortes- e o personaxe público que máis detestes -tamén valen varios, menos de 47 se pode ser-
-Esta pregunta é realmente intensa. Entre os libros que máis me teñen toleado nas últimas datas diría o "Historia do Rock & Roll" de Antón Reixa, un poemario incrible, e o libro "La máquina de follar" de Bukowski (grazas Sara por rularmo). Sei que non son precisamente novidades do sector, pero chegaron ás miñas mans hai pouco.

Con respecto a discos... Podería citar uns cinco mil cincocentos. Pero recomendaría a todos os que lean isto que adiquen un momento da súa vida a escoitar o "Hamaika gara" de Betagarri, o "Live" de Les Caméléons ou o "Trance States in Tongues" de Zen Guerrilla. Pero, o dito, estes son uns poucos.
Personaxe público que máis detesto? Pois focalizar todo nunha persoa semella complicado. Escollede ao chou calquera representante da dereita española ou galega e de seguro que non me iría de tazas con el ou ela. PP, COPE, igrexa, CEOE, AVT... Que vos vou dicir que non saibades?
Cousas que nos podería dicir que non saibamos (pero enterámonos pola súa bitácora) serían estas, para comezar:
Samuel Lema ten un blog que recibiu 99.000 visitas en dous anos. Agora, actualizado a 28 de maio, leva 110.000
En marzo estaba a sacar o carné de conducir. Tamén o soubemos polas súas crónicas ególatras.
Ten un poemario (Manual da destrución). E xa o colgou en A Regueifa.

Podes descargalo premendo nesta ligazón.
O próximo curso pode que viva en Porto. Agora reside na comarca de Ferrol.
E ata aquí podemos falar. Todas as imaxes forman parte do blog do entrevistado. Para información ata rebentar, o mesmiño blog de Samu.
Páxina anterior: Paula de Boiro
Páxina seguinte: IES Praia de Barraña

