Quico Cadaval
"Iso de que os políticos son bos actores é mentira"
 [640x480].jpg)
Entrevista "en bruto": poden ler algunha cousa que se editou -problemas de espazo, se queren conspiranoias, busquen outro medio- para a edición impresa. Xa saben, en Certo somos así. Ou "asín", que diría Marujita.
O último no que estás a traballar, unha obra de teatro e un libro, non é?
Estou a traballar coa aula de Teatro da Universidade de Santiago, no campus de Lugo, que leva anos existindo. Este ano quixeron que a levase eu. Agora estamos traballando, aínda non montando, a obra, usándoa como material. É unha obra do teatro austríaco, de finais do XIX, da Belle Epoque, que se chama “A Ronda”, e trata de follar. Son dez encontros sexuais por relevos, cando un amante abandona o terreo, entra o complementario. Prostituta con soldado, este con criada, esta co señorito, o señorito cunha amiga de mamá, a amiga de mamá co seu marido, o marido cunha amiguiña...
Tela chapada, polo que vexo. De onde saíu esa obra? Xa a tiñas aí ou foi unha preferencia?
Xa hai moitos anos que a coñecía. É unha obra mítica na dramaturxia occidental porque ten a estructura en forma circular, remata onde comezou. Ao final acaban coa prostituta. No seu momento debeu ser unha alta comedia para burlarse da hipocresía da sociedade burguesa en Viena, unha cousa moi elegante, moi hedonista.
Xa que falas de elegancia. Dixestes por aí que os católicos non temos capacidade para a comedia fina, ou alta comedia.
Si, para a alta comedia. Díxeno en público varias veces. Chamámoslle alta comedia aquela na que os conflictos non aparecen e o fundamental é que os textos sexan inxeniosos e non ofensivos. Son deses nos que che din unha cousa, chegas á casa tres horas despois e pensas: “E non me chamou fillo de puta?”. O que pasa é que tardas en enterarte. Esto manéxano moi ben os ingleses, os protestantes. Óscar Wilde é a máxima definición da alta comedia e Arthur Schnitzer. Son ambos da mesma época, do século XIX, e neles vese moito como nós, os católicos, necesitamos que nos subliñen todo. Precisamos un catecismo, por iso eu digo que o bautismo che inutiliza para a alta comedia.
Viaxe a Cuba.. abríronseche portas novas?
Eran cousas que xa estaban andando, de anteriores viaxes. Agora estou convidado pola Embaixada Española, polo goberno de Madrid, a participar nunhas xornadas que financian eles alí no Gulag caribeño, na dictadura castrista (risas), que se chama “Huella de España”. Eu aceptei participar cobrando un plus por ser independentista. Eu, á hora de represantar a España sempre cobro máis: son independentista pero a vaquiña polo que vale, sabes como é...
Hai tamén contactos con xente do Instituto Superior das Artes (ISA), orientados a unha futura colaboración en teatro. Tamén teño algo no eido da música, pero non ten nada que ver. E pouca cousa máis. Na próxima viaxe aproveitarei para contactar coa comunidade galega, pero galegos nados en Galicia. En febreiro quedaban 618, pero a mortalidade é moi frecuente nese colectivo. Son xente moi vella. Sacando a Neira Vilas, que foi no ano 1960, os demais foron todos no 1953, e entón están no límite. Quería falar con eles para saber o que pasou aquí nos anos 40, porque como terás reparado, non existe ningún libro sobre iso. Do 30 ao 40 e do 50 ao 60 hai unha chea de libros, pero do que pasou dos 40 aos 50 non sabemos case nada e vou preguntar.
E que esperas atopar? Non terán esas lembranzas medio esvaídas?
É un tipo de memoria anulada. Pero cando se saca o tapón é impresionante o que che contan.
Algo en Bogotá?
Este ano non pudo ser. Eu quería ir alí co espectáculo que dirixín, “Noite de Reis”, pero non cadrou. EStou convidado a Ecuador, a Perú e mais a Brasil, pero este ano Bogotá xa non tocou, porque foi en SEmana Santa. SEmpre é semana santa. Tes que mirar eses informadores que tes, que moi mal... (aquí falou mal dun medio tradicional que por sensibilidade non imos nomear)

“Noite de Reis”: satisfeito cos cinco galardóns?
Moi contento, sobre todo co premio ao Mellor Espectáculo. Coido que o máis destacable de “Noite de REis” é o traballo colectivo, a sensación de que a obra era de todos. Penso que se conseguiu o fundamental, que ás veces o intentas e non é posible: que todo o mundo estea nun ton. Había festa no espectáculo, que se transmitía ao público, que é característico deste tipo de comedia. Nese sentido, o premio colectivo é o único que importa. Pero tamén estou contento polo meu, o premio ao Mellor Director, porque nunca mo deran, e claro, miña nai ten que completar a colección. Boto de menos que non fose citado Pico, o que penso é o mellor actor que temos na escena galega agora. Coido que foi culpa del, por facer dous traballos demasiado bos no mesmo ano, e entón competiu contra si mesmo: uns votaban por Noite de Reis e outros pola Piragua, e así quedou fóra. É unha boa noticia para os seis actores que foron nominados, porque se son mellores que Pico poden estar moi contentos. Pero tampouco teñen que botar foguetes, porque ao millor é un problema estatístico. Pico é unha pedra de toque nesta comedia, transmítelle unha grande humanidade, xa que interpreta coa lingua. Para el a lingua non é un traballo, nin un impedimento, senón un instrumento artístico de pracer. Entón iso nótase, sobre todo nunha época na que os actores galegos tratan de falar o peor posible o galego para conseguir traballo en Madrid. María Casares foi contratada para o teatro clásico francés porque tiña acento galego, que é ideal para recitar os alexandrinos do teatro clásico galo.

Polas cifras de público, parece que lle está indo ben ao teatro a nivel xeral en todo o Estado. Ti como o ves?
Sabes que pasa? os do oficio temos como costume, como algo folclórico xa, o de queixarnos. Coma os da hostalería, que sempre vai mal, este ano tampouco houbo turistas. Aos do teatro pásanos un pouco o mesmo. A xente está moi entrenada para queixarse e pouco entrenada para outras cousas. Eu supoño que se as cifras son positivos hai que alegrarse, e non fiarse das sensacións e queixarse. Un amigo meu queixábase: “co mal que lle vai ao teatro agora con estes da Xunta”. Polo visto antes debíanos ir moi ben. “É un pouco frívolo que a asociación de actores faga a chegada á festa dos María Casares en limusina”. Entón eu díxenlle que el era un pouco pailán, porque alugar unha limusina é moito máis barato que encargarlle a iluminación a Antonio Simón, por exemplo. Noutras festas encargóuselle a Antonio Simón. Eu prefería o Rolls Royce que hai en Ourense, que por 300 euros ao día andas por aí. En limusina vai calquera pailán.
Sempre te ubicamos en Carreira, pero ti es de Ribeira...
(Aquí canta “miña terra, miña terra, terra onde me eu criei”, Amancio Prada musicando a Rosalía). Rosalía non está gastada, porque todo o que se malinterpreta sempre está en plena forma para ser ben interpretada. Eu non son de Carreira. Encantaríame, pero non todo o mundo pode ser de Carreira. Son de Ribeira, teño vea carreirana. Os Ayaso e os Cadaval. Pero tampouco son carreiráns auténticos, porque no censo de 1580 non hai ningún Cadaval. Aínda non chegaran de Portugal eses xitanos. De todos xeitos, na horta de Carreira sementei un pexegueiro e unha manciñeira (masanseira, como decimos nós), disparei por única vez na miña vida na agra de Cares, pensando que apuntaba a algo e facíao aos terróns. Manchinme de chapapote aos 7 anos, cando aínda non estaba tan mal visto como agora. Realmente é o meu territorio imaxinario. Eu conto as historias que sei de Carreira, pero cando me contaron outras doutro sitio pero que fosen agrarias sempre as coloquei aí, xa que é como un sitio que tes ordenado na túa cabeza e sabes canto tempo leva da agra de Cares aos Castelos, o que lle pode levar a alguén perseguido por un lobo.
Decía Pavese que a única etapa ben clasificada na vida é a infancia, porque é a que temos máis tempo para pensar sobre ela logo...
Eu teño moito medo ás apoloxías da infancia, porque tamén hai moita xente que de neno é moi infeliz. De nenos é a época na que temos máis hormonas positivas, na que nos recuperamos máis axiña, ata emocionalmente. Entón a saudade da túa terra é a do teu tempo, ti o que botas de menos é o ben que estabas de saúde na infancia e a mirada que tiñas, sobre todo. Non que fose en Ribeira, ou noutro sitio: sabes que tamén teño entendido que aos de Santa Comba tamén lles gusta voltar a Santa Comba? Non é pola bonitura do territorio o da saudade.
Panorama cultural no Barbanza: música, escritura
Estou un pouco desinformado, pero véxoo moi ben. A música é un pouco máis visible, porque se manifesta, e actúan, e hai unha movida importante, non só no rock e outras formas de música tradicional, senón na música culta, con xente facendo barroco. É moi interesante. Tamén hai moita xente a escribir. Agora co territorio virtual xa non hai periferias. Cada un pode escribir onde queira e colocar as súas cousas. Non vou decir que a páxina do Bar Plaza sexa un referente cultural, pero si que se ten web o Plaza, pode tela calquera.
Algo máis que lle queiras decir ao mundo e nós non somos quén de preguntar?
Eu penso que un dos sitios máis extraordinarios do mundo é a Punta de Couso e os poderes públicos, de todos os partidos, están tendo ideas moi cativas para a Punta de Couso. Os políticos nunca destacaron, alomenos os nosos, por ter moita imaxinación, pero quería a ver se podían evitar acabar completamente con aquel cornecho. Coméntallo aí a ver que tal, ou. Dígoo pola depuradora, por unha idea que sentín pronunciar de que era moi bo para un parque industrial lixeiro, de industria non contaminante, xa que quedaba pequeno Xarás. Aquelas grandes conquistas: “conseguimos que o parque de Couso sexa de industria lixeira non contaminante, vótame”.
Sería o teatro bo para os políticos?
Penso que o teatro con quen ten que relacionarse é co público. Para un político ir ao teatro é bo se o espectáculo é bo, se non, é malo. Como pasa con todo o mundo. Penso que a existencia do teatro é saudable, e se non facemos teatro nós vanno facer eles. E no sitio deles pos ti a quen che pareza. Eu penso que iso que se di de que os políticos son moi bos actores é mentira. Os políticos están nunha época moi mala, están desconcertados, repiten textos que non entenden como os malos actores e hai que apoialos. A súa vida é moi dura: ti votas a quen queres ou non votas, pero a eles persoalmente hai que apoialos porque teñen moi poucas satisfaccións. Empezan aos 17 anos nas xuventudes dos partidos, reuníndose. A esas idades hai que facer outras cousas. É unha xente que pode ser insultada diante dos seus fillos pequenos, e iso é terrible para un home ou unha muller. Rómpenlle o mito que cristaliza na mente dos seus fillos. É unha profesión moi jodida, non sei por que todo o mundo se mete con eles. Mandade aí un apoio da miña parte. E que me miren o de Couso.
Daremos recado...
Algúns vídeos atopados no YouTube con Cadaval como protagonista:
Páxina anterior: Curriculum Gaciño
Páxina seguinte: Ramón Torrado


