Sexoloxía
Máis de 5.000 consultas en "Quérote"
A rede de centros Quérote recibiu xa 5.000 consultas a través da súa páxina web
A web www.querote.org sitúase como o medio máis utilizado polos mozos e mozas galegos para facer consultas sobre sexualidade
A confidencialidade, a rapidez na resposta, a profesionalidade e o uso da tecnoloxía son as claves do sistema
O 69 por cento das consultas foron realizadas por mulleres
Santiago, 8 de novembro de 2008.- A Rede Galega de Centros Quérote de Asesoramento Afectivo-Sexual atendeu xa a través da súa páxina web www.querote.org un total de 5.000 consultas de mozos e mozas de Galicia. Esta cifra pon de manifesto o éxito acadado por este servizo, posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude fai xa 2 anos para cubrir as necesidades da xuventude galega en materia de información afectivo-sexual.
A meirande parte das consultas rexistradas a través da web foron realizadas por mulleres, un 69 por cento. Ademais, o grupo de mozos e mozas de entre 16 e 20 anos copan o maior número de consultas realizadas por este medio, un total do 46 por cento, seguido dos grupos de idade de 11 a 15 anos e de 21 a 25 anos, que representan o 19 por cento das consultas cada un. Isto pon de manifesto que, polo xeral, é o sector máis mozo da poboación o que escolle a consulta a través da web, mentres que as persoas de máis idade prefiren achegarse persoalmente aos centros da Rede Quérote para expoñer as súas dúbidas. Ademais, este sistema electrónico garante o acceso igualitario de todas as persoas á información afectivo-sexual, independentemente do lugar no que vivan.
No tocante á temática das consultas realizadas, cómpre salientar que é moi variada, aínda que priman as cuestións relacionadas coa sexualidade en xeral e, en concreto, coa anticoncepción.
A Rede de Centros Quérote atende as consultas tanto de xeito presencial como a través da súa web, medio este último que se erixiu como o máis utilizado polas persoas que solicitan información. De feito, o 60 por cento das consultas recibidas no primeiro semestre deste ano foron a través da da web.
A confidencialidade, a rapidez na resposta, a profesionalidade e o acceso e gusto da xuventude polos medios tecnolóxicos converten á consulta electrónica como o medio máis valorado á hora de facer consultas arredor de sexualidade.
O sistema de consulta comeza cando unha persoa envía unha pregunta a través da web www.querote.org, a páxina xera unha clave que se remite automaticamente á persoa que realiza a consulta, unha clave coa que logo poderá consultar a súa resposta na propia web. Só os profesionais e a persoa que realizou a pregunta terán acceso ao contido da resposta que se emite, como moito, 48 horas despois de terse realizado a consulta.
Quérote abre o apartado "Entendo"

(Vía Xunta.es)
Santiago, 28 de outubro de 2008.- O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, presentou hoxe o programa Entendo, unha iniciativa a través da cal a rede de centros de asesoramento afectivo-sexual Quérote prestará especial atención ao colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais (LGBT). O obxectivo desta iniciativa é prestarlle unha atención diferenciada a unha poboación que ten de partida maiores dificultades sociais derivadas da súa orientación sexual, ou da súa adscrición a un sexo que non se corresponde co biolóxico.
Segundo explicou o director xeral de Xuventude, o programa Entendo aglutina diversas actividades de acción directa coa comunidade de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais, favorecendo a súa normalización e a visibilización social deste colectivo, ao tempo que se atende ás demandas específicas que presenta. “Hai unha realidade, a realidade dos mozos e mozas da comunidade LGBT, e hai que abordala”, afirmou Rubén Cela, quen explicou que esta iniciativa preséntase como un novo paso adiante para acadar a igualdade plena de todas as persoas, independemente da súa condición sexual.
Actividades
A rede de Centros Quérote, dependente da Vicepresidencia da Xunta, será o escenario clave da atención especial ao colectivo LGBT. Así, achegaranse os servizos destes centros á comunidade lesbiana, gai, bisexual e transexual de tal xeito que estas persoas saiban que nos centros Quérote tamén son atendidas as súas consultas e demandas.
A rede de centros Quérote potenciará a rede social de cada zona, creando espazos nos que se aborde a realidade do colectivo de LGBT. Promovendo estes espazos de debate e análise poderanse abordar cuestións de actualidade para este colectivos. Ademais, desenvolverase un estudo arredor da comunidade LGBT. Os primeiros pasos daranse cunha análise sobre as formas de manifestación que presenta a homofobia nas aulas dos centros de ensino de Galicia, no marco das actividades que os profesionais dos Quérote desenvolven nas aulas.
Entre as actividades que se inclúen no programa Entendo están as intervencións con nais, pais e titores, promovendo que as distintas orientacións ou identidades sexuais estean presentes no eido familiar, favorecendo así a súa normalización social. Tamén se desenvolverán intervención específicas con profesionais, procurando que estes se impliquen en procesos educativos e de acompañamento e poidan obter coñecementos, habilidades e ferramentas que lles permitan traballar a diversidade sexual do contorno e do grupo, promovendo tamén actitudes empáticas coas persoas lesbianas, gais, bisexuais e transexuais.
Nesta liña hai que salientar un servizo pioneiro que se porá en marcha en Galicia e que consiste no acceso ao asesoramento xurídico de normalización, co que o programa Entendo atenderá a nivel xurídico aquelas situacións nas que os dereitos fundamentais de lesbianas, gais, bisexuais ou transexuais sexa violados.
Galicia, á vangarda
Tal como explicou o director xeral de Xuventude, este proxecto serve para situar de novo a Galicia á vangarda do Estado en materia de asesoramento afectivo-sexual á mocidade, un posto de líder que o país xa acadou coa creación da rede de centros Quérote, que se converteu nun referente a seguir en moitas comunidades do Estado. Neste punto, Rubén Cela fixo referencia ao éxito que os centros Quérote están a acadar, e puxo como exemplo o centro de Santiago, o primeiro dos abertos na rede, que só no primeiro semestre deste ano recibiu máis de 2.000 consultas.
Xornadas Sexuando
No decurso da rolda de prensa o titular de Xuventude adiantou tamén a celebración, o vindeiro mes de xaneiro en Vigo das xornadas “Sexuando”, nas que participarán destacados expertos en educación sexual. Os participantes debaterán sobre as distintas realidades da mocidade e da sexualidade, así como os xeitos de prestar atención á mocidade e as distintas posibilidades dea chegarnos á convivencia de home se mulleres. O Verbum de Vigo será o escenario deste encontro, que se desenvolverá os días 23 e 24 de xaneiro baixo a organización da Rede Galega de Centros Quérote de Asesoramento Afectivo-Sexual.
A posta en marcha dos centros Quérote ten un dobre obxectivo: por unha banda procurar unha atención afectivo sexual completa para a xuventude galega, promovendo a información clara e sen prexuízos e a formación nesta materia; e por outra banda, a creación de espazos de debate e creación de pensamento sexolóxico. Dentro desta finalidade inscríbense as xornadas “Sexuando”.
Términos sexuales explicados con claridad
23 de setembro: Día Internacional da Visibilidade da Bisexualidade

A Federación estatal de Lesbianas, Gais,Transexuais e Bisexuais organiza actos que conmemoran este día. A data cadra co pasamento de Sigmund Freud, que adicou moitos dos seus estudios á sexualidade humana e en concreto á bisexualidade. A primeira vez que se celebrou esta data foi en 1999.
Na web de Arcópoli (www.arcopoli.org) explican a súa postura sobre a bisexualidade e mesmo teñen un gabinete sexolóxico para consultas relacionadas co asunto.
O acto de hoxe na Praza de Callao en Madrid (de seis da tarde a nove da noite) consistirá no establecemento dunha caseta onde se repartirá un folleto informativo, estará despregada a bandeira bisexual (imaxe inferior, tomada da Wikipedia) e se darán de balde brochetas de carne e peixe, así como peras e mazás para que as persoas que acudan ou pasen polo lugar abran a súa mente e reflexionen sobre esta tendencia sexual.
![]()
Máis información sobre a bisexualidade neste artigo de Wikipedia.
Greenpeace tamén co sexo

Nun decálogo, como nas mellores relixións, trufado de tópicos como que as ostras e o marisco son afrodisíacos, a Ong da ecoloxía Greenpeace tamén quere chamar a atención sobre materiais pouco ecolóxicos que empregamos nas nosas relacións sexuais.
Os consellos sobre sexo ecolóxico pódense ler completos na web de Greenpeace. Estranamente están asinados en México D.F, pois na web de Greenpeace España non aparecen por ningún lado. Pero se imos a http://www.greenpeace.org/mexico/news/c-mo-enverdecer-tu-vida-sexu
podémonos enterar de consellos tan pelegríns como apagar as luces para facelo amor ou ter sexo de día ou con velas, iso si, que non estean feitas con derivados do petróleo. Tamén fala de pretendidas froitas afrodisíacas, como o guaraná, que pide consumir só se sabemos se está libre de transxénicos. Na teima dos lubricantes tamén recomenda os feitos con base de auga, e no caso de empregar xoguetes eróticos, que non teñan pvc.
Outra parida de Greenpeace México refírese a aforrar auga en parella -"Lembra que máis de 500 millóns de persoas non teñen acceso á auga limpa e corrente", vaia forma de erotizarse- e tamén ao material co que está feita a nosa cama, que non se nos ocurra ter madeiras non certificadas. Mais aproveita para facerlle publicidade a unhas moblerías mexicanas.
O décimo consello é un plaxio da filosofía hippie, "fai o amor e non a guerra". Pero por se non fora pouco, estas mentes pensantes de Greenpeace México recomendan vídeos para relacionar sexo e natureza, deste calibre:
Moito nos tememos que o que van provocar estes consellos, no caso de que alguén lles faga caso, sexan disfuncións eréctiles e discusións na parella
Unha web erótica en galego
Parece que se vai normalizando o galego, tamén a nivel da sexualidade e do erotismo. É un tema que abordaremos no futuro: o da lingua que empregamos os barbanzáns e os galegos en xeral na cama. A web é http://www.mundoquente.com e aborda todo tipo de asuntos relacionados co erotismo e co sexo que aparecen na web ou na vida real, esa que ás veces sae nas noticias.
Nas ligazóns hai tamén variedade, con páxinas tan porcas como a de Torbe ou máis refinadas como http://www.avidasecreta.com. Outras son páxinas que ben se poderían adicar ao corazón, pero como o fan con personaxes espidos, adícanse ao erotismo. É o caso de http://www.egotastic.com.
É curioso que no tempo que levan teñan xa máis artigos na categoría de Famos@s que na propia categoría que define a páxina (erotismo). A seguinte sección máis socorrida é "novas curiosas", porque nesto do sexo, ao estar tan pouco tratado -por máis páxinas web que haxa no mundo-, sorpréndenos case todo.
Páxina anterior: Tecnoloxía
Páxina seguinte: Tendencias


