IES Praia de Barraña
Crónica aproximada dunha xeneración que inaugurou o IES 'PRAIA DE BARRAÑA'
"Podemos dicir que case todos somos xente que non vive mal, temos traballo, algúns familia, algúns chegaron moi alto e outros non tanto"
Falamos xa hai máis dun mes cos responsables de http://25aniversarioiespraiabarrana.blogspot.com.
Respostaron a un cuestionario que ía saír na seguinte entrega da edición impresa. Ao non darnos tempo, ofrecémosllo en dixital, antes de que pase a romería (que é o 17 de outubro, e teñen case 300 apuntados, nada menos).
As imaxes que ilustran a entrevista están collidas do blog antes referenciado.

1.- Quen puxo a semente primeira para organizar todo este follón? ou non é un follón organizar algo así?
A semente xurdiu hai 5 anos, onde xa fixemos unha cea de 20 aniversario. Somos un grupo de ex-alumnos e un profesor que nos vemos moi a miúdo, e incluso ceamos uns nas casas dos outros, do profesor tamén. Xa daquela fora un éxito e iso que empezaramos só dúas semanas antes, entón decidimos que cinco anos despóis iriamos reeencontrarnos outra vez.
2.- Os americanos teñen no seu cinema un montón de películas deste tipo de citas que soen acabar coma o rosario da aurora... que esperades os organizadores deste reencontro?
Os organizadores só queremos reencontrarnos, cear xuntos, lembrar historias e pasalo ben, ademáis de facer un encontro cultural, xa que pensamos que a inauguración do primeiro instituto en Boiro fixo achegar a posibilidade de formarse a moita xente que antes tiña que ir a Ribeira ou a Santiago.

3.- Imaxinamos que os que non vos coñecemos ímonos perder o que ten máis salsa destas cousas: mira fulanito como envelleceu, mira zutanita que guapa se puxo co feíña que era, mira Xan que perillán e todas esas historias. Ou contaredes algo no blog?
O blog está publicando un artigo, vídeo ou fotos, por día. A xente visítao moito pero non se anima a facer comentarios ou enviar os seus artigos: estamos abertos a que todo Ex o poida facer, hai moita xente que non é da promoción que o visita porque tamén vivu os 80, que foi unha época moi curiosa no estético, no social e no político.

4.- Coa creatividade que respira o voso blog, imaxinamos que o reencontro non será só unha simple cea de antigos alumnos... que máis sorpresas hai que se podan contar?
Temos pensado facer unha pequena sorpresa na cea, porque hai parellas que empezaron na parada do BUS no 83, e ahí seguen, co dificil que iso é.
Aparte, imos facer concertos de ex de tódalas épocas que agora teñen grupos, e unha exposición de pintura, ademáis de algunha mesa redonda e co-publicar unha revista co IES.
5.- Di a canción que 20 anos non é nada, pero 25 son cinco máis: como vos tratou a vida en xeral? Sentídesvos estafados porque ao chegar o ano 2000 os coches non voaban e teimas así?
Non podo falar por todo o mundo, pero dentro do amplo do concepto, podemos dicir que case todos somos xente que non vive mal, temos traballo, algúns familia, algúns chegaron moi alto e outros non tanto, pero creo que todo o mundo vive bastante ben, eu vexo bastante felices a todos os EX que atopo e falo con eles. Hai excepcións, xa sabes os 80, apertura, experimentar...... e non acabas ben, pero son moi contadas. Tamén morreron 3 ou 4 Ex por culpa da estrada.
6.- Imaxinamos que a maioría de organizadores sodes alumnos, non profesores, así que aproveitade esta páxina para "largar" dos mestres (ben ou mal, vós escolledes) de entón
En xeral non temos queixa dos profesores da época, era unha época na que todo o mundo sabía o seu lugar, desde os alumnos, os profes e sobre todo os pais, que agora perdemos con moita facilidade a visión da realidade e cando imos á escola e para protestar coma se nós entendesemos de educación escolar.
Eramos gamberriños pero non irrespetuosos, e os pais estaban sempre do lado dos profes, o cal fixo que a nosa educación fose boa. Agora non é así, a nosa xeneración está fracasando no tema da paternidade e maternidade, estamos creando nenos consentidos sen cultura do esforzo.
Sempre podemos meternos con algún profe pero non temos queixa de ningún, de feito intentamos localizar a todos para que veñan: foron unha gran fornada de profesores...á vista están os resultados.
.jpg)
7.- Vós cambiastes nun cuarto de século: e Boiro? Cal foi o cambio que máis vos chama a atención -na xente ou na paisaxe-?
Boiro como tódalas vilas emerxentes cambiou moito, agora hai tres institutos, piscina ,sete pavillóns , supemercados a esgalla, unha casa do concello nova, e moito cemento.
A xente? Houbo unha gran chegada de xente do concello de Rianxo que se namorou de Boiro e veu para aquí. Aquí vivese moi ben, a paisaxe é moi bonita en todo o Barbanza, as comunicacións e servicios son bos (mellorables, pero bos), vai habendo traballo e van abrindo sitios de diversión para os de 40.
8.- Unha pregunta incómoda: Boiro sae demasiado nos xornais por pelexas, trifulcas, ruído... as novas xeracións están botadas a perder? Non decían o mesmo da vosa?
En xeral pasa en Boiro, porque é onde sae a xente nova de copas, pero non quere dicir que sexa xente de Boiro, que tamén hai, pode ser de Ribeira, Pobra, Noia, Santiago.
Penso que a xeneración de xente actual de 20-25 sufriu unha perda de valores importante, a falta de perspectivas, a implantación da Logse e a permisividade paterna fixo que a xente se botara polo mal camiño. Agora vemos rapaces de 18, 20 anos con coches de 4 e 5 millóns: antes tiñas que currar para comprar un R5 de segunda man. Non o vexo lóxico, eu levo 20 anos traballando cun bo salario e non teño o coche de moita xente de 20 anos sen traballo.
Da nosa xeneración tamén se dicía, pero non nestes termos, apenas había pelexas, e as que había non tiñan xente do instituto implicada. En Boiro sempre se saiu moito, e se bebeu moito, pero non había esa agresividade na xente, nós saíamos os domingos ata as doce cando cumprías 16, agora xa sabes o que pasa...
9.- Internet: poderiades organizar todo isto sen botar man de YouTube e Blogger? Hai 25 anos case nin había ordenadores, como vivides este avance?
Os ordenadores da época eran os Spectrum de 34k. Había unha persoa de 300 alumnos que o tiña. Está claro que todos os avances pódense e débense utilizar para facilitar as cousas e gracias a Internet facemos chegar a nosa mensaxe a máis xente, de You Tube non sacamos nada, en canto ó BLOG, queremos que sexa un punto de encontro, para que a xente lembre acontecementos de eses anos, mediante relatos, vídeos, fotos.
Hai 5 anos xuntamos 100 persoas tirando de teléfono, non sei se esta vez seremos tantos, espero que si.
A sociedade de consumo non para, e antes non tiñamos nin precisabamos de móbil, nen ordenadores, agora que os tes non poderías vivir sen eles. O propio sistema nos vai xerando necesidades que en pouco tempo se quedan obsoletas. Quen ten un móbil de máis de dous anos? Se hai 25 anos me din que vou ter un coche, tres teles, un piso, un ordenador, videos, dvd, viaxes, etc, non o creo: agora todo parece pouco.
Antes mangabas cinco pesos (para os que xa non coñecen as pesetas, cinco pesos eran 25 pesetas, o que hoxe serían 15 céntimos de euro) do peto de teu pai para ir xogar ó comecocos nun bar, agora teñen 80.000 xogos na casa ou no peto, e se non llo mercas ao neno pode coller un trauma ou ser un marxinado social. Hai moito "pedabobo".
10.- Seguro que hai algo interesantísimo ou importantísimo que tedes que decir e non soubemos preguntárvolo: que é?
Non sabería que dicir, supoño que se estamos contentos da labor que o instituto fixo nas nosas vidas:eu penso que en xeral si. Os meus mellores amigos os coñecín alí, a miña orientación laboral tamén e penso que o 90 % dos EX, lembramos o instituto como a mellor época da nosa vida, sen desmerecer a que vivimos agora.

11.- Unha foto que hai no blog dun burro, que é moi simpática... onde foi feita?

Foi no 85 en Mijas pueblo: Rodrigo era e é profe de Historia no instituto, un tío "cojonudo". Agora ten canas e máis tripa, pero segue sendo xenial, está no comité organizador tamén e é en gran parte responsable de todo isto.
Páxina anterior: Samuel Lema
Páxina seguinte: Fotologueir@s


