Print This Page

X Subida ao Iroite

Cartel da proba

Fotos e texto de Tamara Peña Vázquez



Unha vaise de rally por obrigación. Porque sempre hai alguén no grupo que gusta moito destas cousas e tira pola pandilla para que acabe erguéndose a unas horas impensables na fin de semana e pase todo un día escoitando ruído de coches. E claro: se van todos ti non vas quedar na casa comendo luras. E alí te chantas.

Primeiro está o tema do horario. Indecente, impensable, inaudito. Non creo que outra actividade consiga arrincar a tanto mozo da cama a unhas horas coma esas na fin de semana. Normalmente os tramos péchanse sobre as oito e como leva unha hora chegar ata o extraordinario lugar; pois calculen: ás seis da mañá en pé. Coas lagañas nos ollos e coa resaca do día anterior enriba, ou coa borracheira, que para o caso é o mesmo: un corpo humano inservible e totalmente aparvado.

Unha vez que chegas, consegues aparca-lo coche (ou deixalo medio tirado onde estorbe o menos posible) e subir as tremendas costas por entre os milleiros de toxos dos montes galegos. Comeza a aventura épica de atopar un sitio axeitado para ve-la carreira. Unha persoa normal entendería neste contexto “axeitado” por un lugar o suficientemente protexido como para non poñer en perigo a propia seguridade, mais teño entendido que nos tempos que corren o termo cambiou a súa significación e agora ven dicir algo así como "o lugar onde máis xente borracha, alterada, extravagante e festeira se atope", co conseguinte risco para os propios alborotadores e a propia integridade física. A estas personaxes citadas non se lles ocorre monta-la festa ao lado dunha recta carente de perigo, non, nin de lonxe: o asunto é que a curva, canto máis pechada, máis entretida.

      

Unha vez que tedes discutido sobre a curva perigosa onde ides perde-la vida comeza outra aventura distinta pero non por iso menos titánica: atopar un sitio onde deixa-lo cu. Resulta que o monte ven sen cadeiras e cómpre asenta-las posadeiras en calquera penedo ou herbiña cómoda que se atope. Aclároo porque hai moitas persoas que pensan que a montaña é o Ikea e que as cadeiras veñen de regalo; e non. Con este panorama os sitios están tan calculados que cando te queres dar conta tes ao lado a unha señora de sesenta anos e a un pre-adolescente de quince, pegadiños a ti, que máis que un rally ás veces parece outra cousa! En fin! Todo sexa por algo que non nos gusta!

 

Unha vez que xa se está acomodado e sufrindo constantemente pola propia vida un recorda o cómoda que estaría a disfrutar do seu sábado tirada no sofá cunha mantiña por riba e pregúntase a si mesma e moi baixiño qué carallo fai alí. Ve un coche pasar de vez en cando. Atronando. Canto máis ruído, mellor. E aos espectadores de ambas beiras da estrada berrándolle coma tolos. Unha non remata de verlle o encanto ao espectáculo por ningún lado. Por máis que o mire. Por máis que intente imitalo.


Logo cánsaste e tes que ir por un café, unha Coca-Cola ou por un algo (outro día haberá que estudar esta teima galega de ir por un algo; pero ese é un tema demasiado longo para o espazo co que hoxe contamos). E é entón, no paseo que te metes dende o teu marabilloso asento campestre ata o chiringuito estratexicamente montado no medio dos toxos (fixáronse algunha vez que en cada evento galego sempre hai unha caravana ambulante que vende de todo e que sempre está chea?) cando comprendes por que carallo ultimamente se leva tanto isto de ir de rally.

Moi sinxelo. É unha romaría, coma as de antes; só que agora levamos unha Slam para o frío e unha Chiricas en vez do clásico chapeu e o gabán. A esencia éche a mesmiña. Campo, xente moza, cabalos (si si tamén cabalos, as imaxes falan por si mesmas), xente coas neveriñas de praia, bocadillos, chiringuitos de comida e incluso agora polbeiras, nais con fillos, rapaces con moza, pandillas, rapazas con mozo... pero cun aliciente máis. Cun punto extra que o fai indiscutiblemente mellor: a tecnoloxía. Os coches, o seu ruído, os seus cambios de roda, o seu aceite. E aínda por riba a excitante sensación de que en calquera momento un automóbil pode caer por un barranco, pode partir pola metade, pode levarnos por diante… Todo galego vai ao rally porque o conecta co seu pasado e co seu presente. Con todo o que foi en con todo o que é. Vive un salto no tempo pero en directo, no agora. E para riza-lo rizo faino acompañado do que máis lle gusta: os amigos, a comida e a bebida.

E debe ser por iso polo que se vai ao rally, porque se non unha non entende a que carallo ven tanto entusiasmo e tanto madrugón ultimamente.


 

Webs de referencia:

Escudería Berberecho de Noia: http://www.escuderiaberberecho.tk

Máis fotos, no fotolog de Chumi Sport. Pincha na imaxe inferior

Chumi Sport


Páxina anterior: Motor
Páxina seguinte: Galería