Xesús Santos
Xesús Santos: "Os minifundismos na cultura non teñen razón de ser"
Nado no 1936, Xesús Santos é o que podemos chamar un polígrafo. O mesmo lle peta á poesía que investiga sobre historia local de Rianxo ou de Galicia, leva no teatro Airiños, o decano de Galicia, moitos anos, é actor, escribe ensaio, participa en varias asociacións culturais relevantes... Acaban de concederlle o "Sireno á traxectoria cultural" desde a Asociación Barbantia, que el axudou a fundar. Noraboa: cando foi feita esta entrevista aínda non o sabiamos.
.jpg)
Proxectos máis inmediatos?
Estamos xa no do ano que vén, pois é un ano moi especial para nós, para o grupo de teatro "Airiños", do centro cultural Simón Varela de Asados, en Rianxo. No 2008 cúmprese o 75 aniversario da fundación do teatro "Airiños". E non hai ningún outro grupo de teatro que poda decir iso en Galicia: somos os decanos do teatro galego agora mesmo. Nas vodas de ouro xa celebráramos algo, pero isto vai ser mellor, porque 25 anos por riba de 50 anos son moitos. A xente vai maior, e poden pasar moitas cousas, comprendes?
Queda alguén de cando se fundou "Airiños"?
Si, quedan, e fixémoslles unha entrevista hai pouco para poñelas para o ano. Entrevistamos a tres persoas que traballaron moito para que saíra adiante, e do 1933 aínda quedan eses tres que traballaron na primeira obra. Un deles é Ramón Pimentel Castaño, que foi director ata hai poucos anos, pero agora con 93 ás costas xa non sae moito da casa. Debémoslle moito a el. Traballou cando era rapaz co grupo de Mocidades Galeguistas dalí da parroquia de Asados. O grupo de teatro naceu no seo do Centro Galeguista de Asados. Entre as actividades, aparte de abrir unha biblioteca, facían veladas teatrais, recitais de poemas, etc. Daquela Ramón Pimentel tiña 18 anos. O que veu alí daquela a montar o do teatro era primo de Castelao, Manolo Rodríguez Castelao, Bieito Rial, Xesús Frieiro Dourado (o que fixo a letra da Rianxeira na Arxentina logo), Luis Noia, etcétera, xente do Partido Galeguista de Rianxo. Algúns deles eran mestres e pertencían á Institución Libre de Enseñanza, moi preocupados por este tipo de actividades. Alí funcionou unha biblioteca que organizou don Xosé Arcos. Tamén andaba por alí Rafael Dieste, que organizara un teatro guiñol. Manoel Antonio faleceu antes, no 30, senón sería un home clave para todo isto. (Aquí derivamos en falar de Manoel Antonio e Xesús Santos é unha auténtica enciclopedia da historia cultural de Rianxo, ata nos saca detalles como o paso longo de Manoel Antonio, e non quería ir a Asados porque non había luz aínda)
Dirixe Airiños, pero tamén fai de actor
A mesma obra que deron eles no 1933, unha obra de Xabier Prado, coñecido por Lameiro, que se titula "A retirada de Napoleón". Un deputado que veu dar mítines e descubren que era un farsante, que non ía facer nada e que por riba lle gustaban as mozas e o viño. Van actuar netos e bisnetos dos actores de entón, dos que comezaron. O caso do teatro en Asados é moi curioso: sempre se nutriu de xente dalí, da parroquia, e entón traballaban pais, fillos, netos, e agora empezan a vir os bisnetos. Sempre houbo esa afección, Ramón Pimentel sempre decía: "a semente veu de Rianxo para Asados, pero caeu en tan bo terreo que deu froito e conservamos a planta".
E que me di do libro no que estivo traballando nestes ultimos tempos?
Preséntase na Pobra e en Rianxo, pois foron os concellos que encargaron os exemplares que se van editar. Titúlase "Galiza na Guerra Civil: Campos de concentración de Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo". Cóntanse cousas moi duras, como é normal, pois falamos de campos de concentración. No Pozo da Pobra, pasando a Angustia, había un campo de concentración, cerca do río das Pedras. Usaban sobre todo fábricas abandonadas para convertilas en cárceres. En Rianxo estaba nunha conserveira que derrubaron hai pouco e na que están a facer agora unha urbanización. O mesmo ocorreu en Padrón, un sitio moi importante porque chegaba o tren, e era un lugar de trasvase de prisioneiros. As condicións nos campos eran terribles, polo cheos que estaban. Ás veces tiñan que durmir de pé, ou cando daban a volta deitados, tíñaa que dar toda a fila. A xente de idade sábeo, pero a xuventude non coñece nada desta realidade.
Por que calaron tanto os nosos vellos sobre esta realidade?
Na miña casa non se falaba diso tampouco (naceu no 1936). Era un tema desagradable, ademais había moito temor a contar, e tampouco se podía falar antes. Logo empezaron todos a agochar o seu pasado, tanto dun lado como doutro. Aquí viñeron moitos prisioneiros porque foi un lugar que quedou "pacificado" moi cedo, e entón aproveitaron sitios pola costa, onde puderan chegar barcos. E por terra, por ferrocarril. A Padrón chegaron por miles, no ano 1937. En Rianxo o campo foi dos primeiros en abrirse en España, en novembro do 37. Fai 70 anos da apertura do campo de Rianxo e de Muros.
.jpg)
A que se debe a efervescencia cultural de Rianxo desde sempre?
Non me preguntes por qué. Nunca o soubemos. Pero é curioso, sempre houbo referencias a esa actividade cultural, ata de cronistas de 1800 que decían que en Rianxo se respiraba un ambiente cultural distinto do resto da zona. Eu penso que pudo ser que tivemos un grupo de mestres bo, aínda que iso tamén o tiveron outros. Pero ata nos podemos remontar a tempos medievais, con Paio Gómez Chariño cos cancioneiros. Incluso nos séculos escuros tamén o clérigo Martiño Torrado, coas súas Décimas... eu que sei.
Barbantia, vicepresidencia... como vai esa asociación?
Son socio, agora non teño cargos representativos. Vai vento en popa, foi moi ben acollida. É moi importante, pois garante asistencia a actos culturais. Créase unha cadea de transmisión cultural moi boa. É moi triste ver cando hai a presentación dun libro que non haxa ninguén, iso é penoso.
Localismos, minifundismos na cultura, que opina?
Non ten razón de ser. EStou na Fundación do Pedrón de Ouro e na Fundación de Rosalía de Castro, cando foi a casa museo, nos anos 70, colaborei dunha maneira moi directa con funcións teatrais para recadar cartos para iso. E si, por exemplo alí hai unha rivalidade coa Fundación Cela, que si Cela ou Rosalía, e iso perxudícanos totalmente. Temos que cambiar esa maneira de xestionar, eliminar esas divisións que tanto dano fan, que só son boas para os nosos inimigos, para os nosos detractores, eses que din que non somos capaces de facer nada por nós mesmos.
MÁIS PERSOAL
Que le?
Estou moito con investigación histórica. Ata lin o de Pío Moa e o do Canónigo Silva, tan polémico. Gústame moito a poesía pero téñoa un pouco esquecida por este libro no que traballei nestes tempos. Tamén estou metido de cheo no da Guerra Civil. Acumulamos tantos materiais que nos da para outro libro, pois hai moitas cousas interesantes que contar e lembrar. Queremos abarcar todo o que foi o Franquismo en Rianxo.
Televisión?
Non a vexo moito. Teño que ensaiar para o teatro, participo en actividades que me absorben moito tempo.
Gústame saír a camiñar, e tamén moito nadar. Vou ao mar a darme un baño cada vez que podo, aínda estiven hai uns días, este ano parece que estamos nas Canarias e aprovéitoo moito. é unha terapia moi boa, reláxame moito,
Prende nos fillos toda esta ilusión pola cultura e polo teatro?
Si, e polo galeguismo. A filla traballa no teatro, o fillo é máis reservado e máis serio, pero eu nótoo. Contaxio o que fago. Na miña casa sempre se falou naturalmente galego, nunca dixemos nada, é como respirar. E os netos seguen igual. Xa sae deles.
Páxina anterior: Carlos Mosteiro
Páxina seguinte: José Lojo

